fbpx
Pinturas rupestres de Vilardevós / foto Universidade de Vigo

Desentrañan os segredos das pinturas rupestres no Penedo Gordo de Vilardevós

Tempo de lectura: 3 min.

No ano 2017 descubríronse pinturas rupestres de estilo esquemático no xacemento arqueolóxico do Penedo Gordo en Vilardevós, Ourense. Trátase dun importante abrigo rochoso no que xa foi documentada a presenza humana como mínimo dende o Neolítico final. O lugar é un dos xacementos máis importantes a nivel rupestre galego no que ademais das súas pinturas atopáronse restos materiais.

Agora, un equipo de investigación multidisciplinar das universidades de Vigo e Coimbra acaba de publicar nun artigo os resultados dun estudo destes vestixios “excepcionais”. Unha das súas liñas de traballo principais foi deseñar e pór en práctica un protocolo multianalítico para caracterizar estas pinturas prehistóricas, combinando técnicas analíticas in situ e de laboratorio.

Na realización deste estudo, no que participaron investigadores de Historia, Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial da UVigo, descubriron unha pinga de pigmento vermello preservada nunha capa arqueolóxica asociada a restos materiais do Neolítico final ou da Idade do Cobre. Pinturas esquemáticas que poden revelar en boa medida parte da vida nun dos asentamentos máis antigos e enigmáticos do noso territorio.

Pinturas rupestres de Vilardevós / foto Universidade de Vigo

Cinco paneis con antropomorfos e motivos xeométricos

O importante estudo, que recolle a caracterización deste lugar, foi publicado recentemente na revista Minerals. Trátase dun artigo titulado Methodological Approach (In Situ and Laboratory) for the Characterisation of Late Prehistoric Rock Paintings-Penedo Gordo (NW Spain).

Nel participou un excepcional equipo no que, por parte a Universidade de Vigo, estiveron José Santiago Pozo, do Grupo Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais-GESSMin e Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Beatriz Comendador, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio-GEAAT e Facultade de Historia, e Pablo Barreiro do Grupo Novos Materiais e Escola de Enxeñaría Industrial. Dende a Universidade de Coimbra completaron o equipo Lara Bacelar Alves, do Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património.

O obxectivo do estudo foi caracterizar a composición das pinturas rupestres de tradición esquemática do Penedo Gordo, vinculadas a restos arqueolóxicos inseribles nun período entre o Neolítico medio e o Neolítico final. Tamén identificar os posibles materiais colorantes que fixeron posibles as pinturas.

As “pinturas atópanse sobre un afloramento cuarcítico moi heteroxéneo en composición e cromaticidade. Foron identificados dous paneis con pinturas rupestres no sector oeste e tres no sector norte. En conxunto atopáronse puntos dixitados de contorna ovalada, antropomorfos e motivos xeométricos”, explican as e os investigadores.

Pigmentos vermellos e laranxas para dúas fases de execución

Dous pigmentos de dúas pedras do lugar. Estes son os resultados in situ que recolle o estudo. Nel se identificaron diferentes coloracións nos motivos, que foron relacionadas coas diferentes composicións identificadas no propio lugar con espectroscopía Raman. Trataríase de tonalidades máis vermellizas, para os motivos nos cales se identificou hematite como pigmento, e tonalidades máis alaranxadas, cando se identificou goetita.

Pinga de pigmento vermello / foto Universidade de Vigo

“Isto corroborou os resultados do estudo arqueolóxico das técnicas e morfoloxía das pinturas que suxerían a existencia de polo menos dúas fases ou períodos de execución”, indican as e os responsables do traballo. Segundo apuntan, a analítica “demostrou que efectivamente as pinturas foron realizadas con diferentes materias primas aínda que algunhas delas están no mesmo panel”.

No que respecta ós resultados obtidos en laboratorio, o equipo destaca que “é salientable o feito de que na gota perfectamente preservada foi identificada hematita como material colorante”. “Ademais presentou materia orgánica que estará relacionada coa existencia dun aglutinante que se empregaría para darlle ó pigmento a consistencia de pintura necesaria para esvarar sobre a parede”, afirman.

E é que a presenza deste material, a hematite, nas mostras recollidas como materiais colorantes “permite indicar que calquera deles podería ser empregado como colorante da superficie tras un proceso mecánico de esmagamento”, afirman. Con estes resultados e tras un importante protocolo de avaliación en tres fases, identificáronse os compoñentes colorantes, pigmentos inorgánicos, do xacemento, abrindo a porta a unha mellor comprensión futura dun dos lugares rupestres máis destacados de Galicia.

Membros do equipo durante os traballos / foto Universidade de Vigo


Para saber máis: Pode consultarse o artigo Methodological Approach (In Situ and Laboratory) for the Characterisation of Late Prehistoric Rock Paintings-Penedo Gordo (NW Spain).na publicación Minerals. Pode consultarse tamén a nova publicada pola Universidade de Vigo.


Pode que che interese...