fbpx
Xustiza / foto OpenRoadPR CC0

Estes son algúns dos indultos máis comentados da historia recente de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

No día de onte ás 14.30 horas o presidente do goberno Pedro Sánchez anunciaba unha das decisións máis polémicas da historia recente de España. O executivo indultaría ós 9 políticos cataláns que se atopan na cadea pola declaración unilateral de independencia. O motivo, segundo o presidente, o Interese Xeral e fomentar a convivencia.

Mais o indulto non é nin moito menos unha medida nova. Pois son centos os que o Goberno Central executa cada ano. Algúns deles son especialmente polémicos e moitos outros concédense ó entender a sociedade a necesidade de reinserción sen cadea. En España moitos foron famosos e algúns moi polémicos, mais estes foron algúns dos máis singulares da nosa historia recente:

Xustiza / foto NomeVisualizzat CC0

Chano Rodríguez, membro do GRAPO e medallista paraolímpico

Sebastián Rodríguez Veloso, máis coñecido como Chano Rodríguez, é un deportista de elite e un antigo membro do grupo terrorista GRAPO indultado no ano 2007. Chano foi membro do Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre (GRAPO) e foi condenado pola súa participación en varios atentados, entre eles o que tería acabado coa vida do presidente da Confederación de Empresarios de Sevilla, Rafael Padura.

Na súa estancia na cadea na década de 1990 Chano Rodríguez fixo unha folga de fame de máis de 400 días que acabaría por provocarlle danos irreversibles en ambas pernas, dando lugar a unha importante discapacidade. Accedeu á condicional en 1994, trasladándose a Vigo onde gañou a vida vendendo cupóns da ONCE.

Nese momento comezaría tamén a súa traxectoria deportiva, xa como veciño de Vigo. Nela conseguiría oito ouros, catro pratas e tres bronces en varias edicións dos Xogos Paralímpicos, así como cinco vitorias nos mundiais de natación. No ano 2007 un Real Decreto do Consello de Ministros indultouno. Dous anos despois foille concedida a Medalla ó Mérito Deportivo.

David Reboredo, extoxicómano rehabilitado

Un dos casos máis soados, máis recollidos nos medios de comunicación, e que encheu durante semanas as novas e magacines é o de David Reboredo. O Vigués foi condenado en dúas ocasións por vender papelinas de heroína. Foi condenado por tráfico de drogas e por un delito contra a saúde pública nos anos 2007 e 2009, sumando as dúas condenas 7 anos de cadea.

Xeringa de Heroína / foto PublicDomainPictures CC0

Mais pola habitual lentitude da xustiza cando foi condenado xa se atopaba completamente rehabilitado da súa adicción ás drogas. Reboredo colaboraba nun centro de axuda a drogodependentes e ofrecía a súa axuda e a súa experiencia persoal a aqueles que pasaban polo mesmo. O Consello de Ministros aprobou o seu indulto no ano 2013.

O construtor Juan Manuel Chaves Daporta

Juan Manuel Chaves Daporta, é un construtor da Illa de Arousa que foi condenado por reter e atacar á arquitecta municipal, Pastora Parada. Pois o día 22 de marzo de 2010 Daporta entrou no despacho da arquitecta municipal do Concello “coa intención de privala da súa liberdade de movemento, pechou a porta da habitación e gardou a chave no peto”, tal  e como afirmaba, no seu día, a sentenza.

O home mantivo á muller retida durante preto dunha hora, ata a chegada da Garda Civil, ameazándoa de morte a ela e á súa filla, axitándoa e botándoa violentamente contra o chan. O motivo, unha sanción urbanística por non respectar os volumes. O goberno de Mariano Rajoy aprobou o indulto no ano 2015, entre unha enorme conmoción e unha ampla polémica Salnés.

Illa de Arousa / foto Turismo de Galicia

O xuíz Javier Gómez de Liaño

Trátase neste caso dun dos indultos máis polémicos da primeira década do século perante á opinión pública española. O exmaxistrado ourensán Javier Gómez de Liaño foi condenado a 15 anos de inhabilitación e apartado da xudicatura por prevaricación. Foi na súa etapa como xuíz na Audiencia Nacional, un momento no que, ademais de varios casos dos GAL, asumiu unha denuncia contra o grupo PRISA.

Gómez de Liaño procesou a Jesús de Polanco, Juan Luis Cebrián e a todo o Consello de Administración de Sogecable por un presunto delito de apropiación indebida. Mais as súas resolucións foron revogadas por instancias superiores e en 1998 foi denunciado por Polanco por prevaricación. A sentencia contra el foi condenatoria.

Tanto o Tribunal Supremo, como o Constitucional, como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos rexeitaron os seus recursos, este último por carecer de competencias para absolvelo. Porén este último si puxo en dúbida a “aparencia de imparcialidade” dos xuíces que o xulgaron a el, impoñendo ó Estado unha multa. Antes desta resolución, xa no ano 2000, recibiu o indulto do goberno presidido por José María Aznar. Hoxe exerce de avogado.

O militar golpista Alfonso Armada

Alfonso Armada non era galego senón natural de Madrid. Porén, aínda da día de hoxe ostenta o título de marqués de Santa Cruz de Rivadulla, un título nobiliario instituído polo rei Carlos II ó nobre galego Andrés Ibáñez de Mondragón e Ozores de Soutomaior. De feito, o pazo de Ortigueira, en Santa Cruz de Ribadulla aínda é a residencia dos marqueses e pertence ó exmilitar onde ocasionalmente reside.

Golpe de Estado do 23F / foto PaloiES CCBy Wikimedia

Trátase dun militar que durante a Guerra Civil combateu no bando sublevado na arma de artillería e que participou nas frontes de Madrid, Andalucía, Teruel ou Valencia. Foi instrutor de escolas militares, profesor do Rei Emérito e amigo persoal deste. Porén, é principalmente lembrado por participar no golpe militar do 23F.

Foi un dos principais participantes no golpe e podería ser o presidente do novo goberno golpista de non fracasar a sublevación. En abril de 1983 o Tribunal Supremo inhabilitouno como militar e impúxolle unha condena de 30 anos de cárcere. O 24 de decembro de 1988 o goberno de Felipe González indultouno polo acatamento da constitución do condenado e por motivos de saúde.

Pazo de Ortigueira en Santa Cruz de Ribadulla / foto Jose Luis Cernadas Iglesias CCBy Wikimedia

Os sindicalistas Carlos Rivas e Serafín Rodríguez

Este pequeno inventario péchano dous sindicalistas vigueses Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. Os dous foron condenados en 2011 a unha multa e a tres anos de prisión por un delito contra os dereitos dos traballadores. Foi tras participar nun piquete durante unha  folga do transporte no ano 2008.

Segundo a policía que os tería identificado unicamente a eles, nunha xornada multitudinaria, os dous condenados terían supostamente lanzado pedras contra uns camións. Estes feitos levaríanos á cadea. Porén unha enorme contestación social tomou as rúas de Vigo esixindo o indulto para ambos. Foi finalmente asinado pola Fiscal Xeneral do Estado do actual goberno e publicado no BOE no pasado 2019.

Martelo de xuíz / foto succo CC0


Para saber máis: Sobre Chano Rodríguez pode consultarse a Fundación Andalucía Olímpica. Tamén a nova do Correo Gallego do ano 2007; Sobre David Reboredo pode consultarse as novas de El País, ou a petición na plataforma Change.org; Sobre Juan Manuel Chaves Daporta Pode consultarse o Diario de Arousa; Sobre o xuíz Javier Gómez de Liaño pode consultarse os artigos de El País ou La Vanguardia; O indulto a Armada recollíao no ano 1988 o xornal El País; Sobre Carlos Rivas e Serafín Rodríguez pode consultarse as novas sobre as mobilizacións e o indulto no xornal La Voz de Galicia.