Galería: Así é a casa forte de Dumbría que acaba de entrar na Listaxe Vermella do Patrimonio
Camiño da capital do termo municipal de Dumbría, un raro quebro e estreitamento da estrada danos conta dunha singular sorpresa, un núcleo tradicional ben conservado, cun singular pazo ou casa forte, tristemente, en ruínas. É o núcleo da Vacariza coa antiga casa dos Moscoso.
Trátase dunha construción do século XVI que acaba de entrar estes días na Listaxe Vermella do Patrimonio, de Hispania Nostra. Un pazo renacentista con excepcional decoración na fachada e varios escudos da familia Moscoso, abandonada no corazón da Costa da Morte. No singular lugar destaca tamén, xusto ó pé do propio pazo unha centenaria sobreira.
- Vista xeral da casa forte da Vacariza en Dumbría / foto HdG
- Fachada principal da casa forte da Vacariza / foto HdG
- Casa forte da Vacariza dende a estrada / foto foto HdG
- Detalle da casa forte da Vacariza / foto HdG
- Casa forte da Vacariza en Dumbría invadida de vexetación / foto HdG
- Interior da casa forte da Vacariza en Dumbría / foto HdG
- Fachada da casa forte da Vacariza / foto HdG
- Detalle do núcleo tradicional da Vacariza / foto HdG
- Detalle do núcleo tradicional da Vacariza / foto HdG
- Detalle do núcleo tradicional da Vacariza / foto HdG
- Detalle do núcleo tradicional, estrada de acceso da Vacariza / foto HdG
- Parque en Berdeogas, moi preto da casa / foto Hispania Nostra
A casa destaca por ter na súa fachada principal dúas fiestras manuelinas, unha influencia da arquitectura portuguesa excepcionalmente rara en Galicia. Ademais entre dúas fiestras “hai, esculpidos nunha soa peza de perpiaño, tres escudos onde aparecen as armas da familia Moscoso”, tal e como recolle a ficha de inscripción.
Trataríase dunha propiedade da familia Moscoso, a nobre familia dos condes de Altamira, os grandes señores de todo o noroeste galego durante a Baixa Idade Media. A casa é un ben catalogado con tres escudos na fachada que lle outorgan a protección de Ben de Interese Cultural. Ademais a casa ten unha especial singularidade. Atópase moi preto, a menos dun quilómetro, do excepcional lugar de Berdeogas.