fbpx
Santa Comba de Bande / foto Turismo de Galicia

Nova vida para a reitoral de Santa Comba de Bande

Tempo de lectura: 2 min.

Un dos mellores exemplos de arquitectura hispanovisigoda da Península Ibérica. A igrexa de San Trocado ou Santa Comba de Bande é probablemente o edificio visigótico mais importante de Galicia, un dos máis completos do noroeste peninsular e unha das xoias patrimoniais da Baixa Limia. É por isto que o Goberno galego quere reforzar o papel desta pequena xoia galega rehabilitando a súa casa reitoral.

Así o anunciou o pasado día 17 o Conselleiro de Cultura , Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda. O executivo galego investirá 424.000 euros para a rehabilitación integral deste edificio. Porén, non transcendeu a función a que a Xunta destinará o edificio rehabilitado.

Santa Comba de Bande / foto Turismo de Galicia

Segundo afirman dende o Goberno galego, as actuacións neste edificio anexo á igrexa de San Trocado ou Santa Comba contribuirán á eliminación de barreiras para os visitantes e á mellora da calidade do entorno lindeiro co templo visigótico. Deste xeito, a Xunta pretende poñer en valor este tesouro arquitectónico co obxectivo de atraer visitantes a través do fomento dun turismo cultural e sostible.

De feito, Santa Comba de Bande non é o único tesouro patrimonial e natural deste concello galego. Ademais de San Trocado o municipio conta tamén co Centro de Interpretación do conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis, un dos principais atractivos turísticos da zona, así como o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e a ruta cultural do Camiño de San Rosendo.

 

Alfonso Rueda e Román Rodríguez, na casa reitoral de Santa Comba de Bande / foto Xunta de Galicia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: