fbpx
Vista xeral da casa forte da Vacariza en Dumbría / foto HdG

Un dos poucos pazos de Galicia con decoración manuelina entra na Listaxe Vermella do Patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

Camiño da capital do termo municipal de Dumbría, un raro quebro e estreitamento da estrada danos conta dunha singular sorpresa, un núcleo tradicional ben conservado, cun singular pazo ou casa forte, tristemente, en ruínas. É o núcleo da Vacariza coa antiga casa dos Moscoso.

Trátase dunha construción do século XVI que acaba de entrar estes días na Listaxe Vermella do Patrimonio, de Hispania Nostra. Un pazo renacentista con excepcional decoración na fachada e varios escudos da familia Moscoso, abandonada no corazón da Costa da Morte. No singular lugar destaca tamén, xusto ó pé do propio pazo unha centenaria sobreira.

Casa forte da Vacariza / foto Hispania Nostra

Un dos escasos exemplos galegos con decoración manuelina

A casa destaca por ter na súa fachada principal dúas fiestras manuelinas, unha influencia da arquitectura portuguesa excepcionalmente rara en Galicia. Ademais entre dúas fiestras “hai, esculpidos nunha soa peza de perpiaño, tres escudos onde aparecen as armas da familia Moscoso”, tal e como recolle a ficha de inscripción.

“A porta de entrada aparece lixeiramente desprazada do centro e sobre ela colócase unha fiestra cun dintel moldurado e decorada con bólas. Ó seu carón hai outra fiestra, esta cunha dobre arquivolta, que parte dun dintel recto, coa mesma decoración que a anterior. Entre eles, un tríptico labrado na pedra que representa tres figuras de animais”, descríbese.

Trataríase dunha propiedade da familia Moscoso, a nobre familia dos condes de Altamira, os grandes señores de todo o noroeste galego durante a Baixa Idade Media. Unha “casa renacentista de planta rectangular con dúas plantas e cuberta a dúas augas, cun forte aspecto debido ó uso austero do granito en forma de grandes pezas de cantería”.

Moi preto do singular núcleo de Berdeogas, onde o adro da parroquial é un castro

Tal e como recolle Hispania Nostra o estado xeral desta casa forte é de progresiva ruína. Sillares illados, teito perdido e invasión do sotobosque. A casa aparecería tamén co interior enchido de cascallos. É por isto que nos motivos da inclusión na listaxe segundo o organismo: “estado de ruína e abandono”.

A casa trátase dun ben catalogado con tres escudos na fachada que lle outorgan a protección de Ben de Interese Cultural. Ademais a casa ten unha especial singularidade. Atópase moi preto, a menos dun quilómetro, do excepcional lugar de Berdeogas.

Tal e como contamos xa noutro artigo, trataríase dun lugar patrimonial especialmente singular no que o adro da parroquial é, literalmente, un castro. Dentro do recinto fortificada pode atoparse tamén, o camposanto, con singulares mausoleos, a casa reitoral e un singular hórreo, un dos máis longos da Costa da Morte, cun número impar de pés.

Pode que che interese...