fbpx
Convento das Donas / foto Hispania Nostra

A edificación máis antiga de Betanzos podería saír en breve da Listaxe Vermella do Patrimonio

Tempo de lectura: 3 min.

O Convento das Donas de Betanzos, un edificio do século XI, que é considerado a edificación máis antiga de Betanzos, podería saír en breve das Listaxe Vermella do Patrimonio. Pois o goberno local anunciou mediante unha nota de prensa, o pasado día 13, que sacará nos vindeiros días a licitación as obras de reconstrución do histórico convento.

Farao unha vez recibida a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e logo da aprobación por parte do Pleno da Deputación do proxecto. A actuación alcanzará os 349.952 euros, dos que   205.765 euros serán de achega local e os restantes da administración provincial. Con eles recuperarase o edificio para dedicalo a centro sociocultural e espazo para usos múltiples.

Convento das Donas / foto Concello de Betanzos

E é que o edifico na actualidade atópase nun estado ruinoso. Carece totalmente de cuberta, está invadido pola vexetación e presenta un serio perigo de derrube. É por todos estes motivos que o histórico convento foi incluído no ano 2018 na Listaxe Vermella do Patrimonio que elabora Hispania Nostra e no que recollen todos aqueles monumentos en sería ameaza de desaparición.

Un proxecto de rehabilitación cun especial respecto

Así quérese conseguir recuperar un espazo que sexa referencia. “Devolverlle vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público de uso”, segundo explica a alcaldesa, María Barral. Trátase de devolverlle ese valor de referencia, o que no momento da súa construción representou na contorna e para a xente daquela época.

Segundo a alcaldesa o edificio recuperado destacará non polo seu tamaño senón polo seu carácter como lugar monumental e de referencia. A alcaldesa adiantaba que o proxecto incluirá como criterios Conservar todo aquilo que se recoñece como parte da edificación conventual; conservar testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; devolverlle ó conxunto a posibilidade de uso e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación.

Convento das Donas / foto Hispania Nostra

Os usos que a actuación proxecta para este inmoble estarán en relación coa poboación da contorna, adaptada ás súas necesidades. Contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver, creando un verdadeiro espazo de referencia aberto ó uso dos veciños.

Unha intervención mínima para crear un edificio de usos múltiples

Así crearase un espazo único con dúas salas de uso múltiple. O corpo principal do conxunto, orixinariamente de dous andares que non chegaron a nós, recuperarase e limparase para deixalo como unha sala única de dobre altura. Este espazo que outrora eran dependencias monásticas, enfocarase cara a súa monumentalización e cara facer recoñecible o seu valor histórico.

Xunto a el crearase outro espazo recuperando o concepto de patio. O proxecto propón  un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, propio da tipoloxía conventual, que será entendido como interior delimitado. Ó seu redor os muros que hoxe vemos seguirán a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto. A carón deles o patio confeccionarase cun peche acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal.

Convento das Donas / foto Hispania Nostra

Con esta nova confección obterase unha antesala, espazo de chegada ou recibidor, localizada na entrada principal que tivo o convento, co arco de acceso como elemento distintivo e referencial. Unha segunda sala multifuncional complementaria e espazos onde situar aseos, instalacións, situaranse neste lugar, xunto cos servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

Pode que che interese...