fbpx
Lumes do Apóstolo / xacopedia

Así comezaron os famosos lumes do Apóstolo, unha tradición con máis de 475 anos

Tempo de lectura: 3 min.

Os lumes das festas do Apóstolo deixaron de lanzarse na Praza do Obradoiro, unha tradición que se mantiña “desde hai máis de 450 anos”, ante o risco existente para a Catedral e o patrimonio. Así o avanzou en xaneiro de 2020 o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que deixaba claro que no Obradoiro manterase o espectáculo de luces e son, pero os lumes lanzaranse desde outra localización. Estudáronse emprazamentos como o parque de Belvís ou a Alameda, pero foi realmente a Covid-19 a que provocou a decisión final: dispersalos pola cidade.

Pero, de cando é esta tradición?. O profesor de Historia da arte de Santiago, Miguel Taín Guzmán, autor dun estudo sobre os lumes do Apóstolo, revela que con esta celebración lémbrase o primeiro martirio dun apóstolo de Cristo relatado na Biblia. Relata que as celebracións relixiosas na catedral noméanse xa na Historia Compostelá e no Códice Calixtino (s. XII).

Espectáculo pirotecnico e queima da Catedral de Santiago nas festas do Apóstolo / Santiago Turismo

A primeira referencia

Con todo, a primeira referencia que hai a lumes no Obradoiro é de 1545, cando aparece por primeira vez a noticia da iluminación da praza con candeas.  Pero non é ata finais do século XVI cando se consolida a organización de festexos a véspera do día do Apóstolo, 24 de xullo, na praza do Obradoiro. Unhas festas que consistían nunha corrida de touros, a queima dun castelo, o lanzamento de fogos artificiais e o aceso de luminarias á noitiña. Tras a celebración da corrida, era costume que os palcos foran utilizados ao chegar a noite para asistir a un espectáculo de luces e fogos artificiais coñecido como a “queima do castelo”.

A súa existencia, tal e como recolle a Xacopedia, tamén se documenta durante os séculos XVII e XVIII e son o precedente das actuais fachadas neomedievales que simbólicamente se queiman hoxe nas festas. O deseño destas estruturas, diferente cada ano, concertábase co mestre maior de obras da catedral, que tamén se encargaba do seu programa iconográfico alusivo á vitoria do Apóstolo sobre o Islam. Por exemplo, en 1701 represéntase a translación do Apóstolo, en 1706 a batalla de Clavijo ou en 1710 a chegada do rei Almanzor.

Cambios no XIX

Nos primeiros anos do século XIX as festas do Apóstolo do 24 de xullo van cambiar, debido á substitución do Cabildo da catedral polo Concello da cidade na súa organización e financiamento, incluídos os lumes. Consecuencia diso é a desaparición dos castelos e a súa substitución polas actuais fachadas neomedievais, todas elas encargadas pola corporación municipal concello e deseñadas polos seus arquitectos.

A fachada máis antiga da que se ten noticia nas vésperas do Apóstolo en Compostela data de 1852 e débese a unha traza do arquitecto municipal Manuel Prado y Vallo da que non se conserva ningunha imaxe. Dela só se sabe que se dispuxo un espectáculo de luces descrita como “luz eléctrica producida por un foco de cincuenta pilas de Bunsen, equivalente en potencia e claridade a seiscentas buxías”. Procedeuse á súa queima a noite do 26 -non se fixo antes pola choiva- con fogos de artificio, que entón xa había.

Desde ese momento vanse a levantar fachadas similares para as festas do Apóstolo até a actualidade, que non se renovan anualmente senón cada certo período de tempo, ben pola deterioración da estrutura, ben por un desexo de renovación para conmemorar un novo ano santo.  No ano 2000 o Concello compostelán patrocinou a construción dunha nova fachada para as festas do Apóstolo, recuperando o deseño de García Vaamonde. A última queimada na Praza do Obradoiro foi a do 2019, tras máis de 475 anos de espectáculos de lumes.


Este artigo é unha actualización do publicado o 20 de xaneiro de 2020, antes da pandemia da Covid-19. Dende Historia de Galicia pedímosvos que disfrutedes deste 25 de xullo con prudencia.


 

Pode que che interese...