fbpx
O Pórtico da Gloria dende o corpo de naves da catedral /foto Fundación Catedral

Comeza a retirarse o parapeto de madeira que cubre o Pórtico da Gloria

Tempo de lectura: 2 min.

A catedral de Santiago volve pouco a pouco ó seu estado orixinal despois de máis dunha década de obras de restauración. Estes días foi a quenda do Pórtico da Gloria, que despois de varios anos encapsulado tras unha estrutura de madeira que o separaba do resto da catedral, volve agora a facerse pouco a pouco visible.

E é que tras o fin dos traballos de restauración do Pórtico no ano 2018, e ó iniciarse as obras interiores nas naves e na cuberta da Catedral decidiuse protexelo cunha arquitectura efémera de madeira. O obxectivo era evitar o contaxio co ambiente das naves onde, durante as obras, ía incrementarse considerablemente o nivel de pó, axentes químicos e humidade.

Este foi o motivo polo que se separou cunha estrutura temporal de madeira laminada. Mais o encapsulamento tiña unha terceira razón, a de monitorizar o nartex e estabilizar as súas condicións ambientáis. Controlar a humidade e a luz que poderían volver a danar no futuro as pinturas conservadas no Pórtico recuperadas na restauración.

Pórtico da Gloria encapsulado coa estrutura de madeira / foto Fundación Catedral

Mais agora, libre xa de obras interiores é a propia catedral a que se atopa monitorizada rexistrando as variables ambientais de todo o templo. Segundo comunicaban dende a Fundación Catedral coa nova da apertura do Pórtico, comprobouse que o ambiente das naves e o Pórtico tende a equilibrarse.

Seguirá limitándose o acceso para preservar a saúde do Pórtico

Deste xeito, nos pasados días comezaba a desmontaxe da estrutura de madeira. Un proceso que, porén, estase a facer dun xeito gradual. Pois nunha primeira fase comezouse por rebaixar a altura da cápsula de madeira ata 1,80 m, estado no que se atopa na actualidade, para a continuación retirala totalmente, o que acontecerá o vindeiro 22 de xullo.

Dende a Fundación Catedral afirman que aínda así o nivel de presenza de público no Pórtico da Gloria será a partir de agora limitado. Trátase dunha medida para a súa óptima conservación, evitando aglomeracións e o incremento da humidade por condensación na zona. Ademais o Pórtico seguirá a monitorizarse e, de ser necesario, volverán tomarse as medidas de protección, sempre flexibles e reversibles, que sexan oportunas.

O Pórtico da Gloria dende o corpo de naves da catedral /foto Denis E.F. Fundación Catedral

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...