Como salvar un menhir do abandono por 8.000 euros
O menhir de Erboedo en Laracha xa é de todos. E o prezo por recuperar unha das poucas pedras fincadas que se conservan en Galicia foi o que pode costar un coche de gama media de segunda man. E é que o Concello de Laracha acaba de aprobar a compra das parcelas nas que se localiza o monolito. Un investimento de tan só 8.000 euros coa que o Concello comprará unha superficie de 4.651 metros cadrados.
E é que, tal e como se aprobou na última sesión da Xunta de Goberno Local, o Concello de Laracha aproba o proxecto de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir, tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho. Faise unha vez superado o período de información pública ao que estivo sometido o documento durante un mes.
Trátase de 4.651 metros cadrado repartidos en tres parcelas catastrais de solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes. Agárdase que unha vez completado o procedemento de expropiación, o Concello leve a adiante as actuacións precisas para favorecer a súa conservación e acondicionar o terreo e os accesos.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello co menhir / foto Concello de Laracha,
Ademais, como xa contamos en varias ocasións, o proxecto forma parte dun Plan Especial de Patrimonio Cultural que o Concello de Laracha fixo efectivo a través dunha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O Plan recolle, xunto ó menhir, outros elementos patrimoniais do Concello como o Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres.
O único menhir de Bergantiños?
O menhir de Erboedo situado, no lugar do Loureiro, nos montes de Santa Locaia, parroquia de Erboedo, preto do río Anllóns, cóntase como o único menhir identificado como tal nas terras de Bergantiños. Un monumento megalítico identificado como da Idade do Bronce.
Trátase dunha gran pedra de granito de gran groso cóncavo/convexo con tendencia ó prisma triangular, con vetas de cuarzo e feldespato. O menhir acada 2,05 metros de altura, 75 cm. de ancho na base prismática e 38 cm. na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm. de grosor nunha veta de cuarzo que se aproveitou para escotar a cara oeste.

Menhir de Erboedo na Laracha / foto Concello de Laracha
A súa entalladura recorda ás que teñen algúns dos ídolos das antas de corredor, e interprétase como un trazo antropomorfo ou unha representación fálica, que podería ter pervivido na cultura popular. O menhir cítase na Xeografía Xeral do Reino de Galicia, no volume de Carré Aldao do ano 1929.