Pílula histórica: a Torre da Pena, a fortaleza que domina toda unha comarca
A Limia é unha das comarcas máis singulares e ben definidas de Galicia. Configurada como unha gran chaira fluvial está rodeada de montes e atravesada polo río Limia. Constitúe unha ampla depresión de máis de 800 km², na que viven uns 20.000 habitantes, e nela, ata o ano 1958, situábase a desecada Lagoa de Antela. Dominado toda esta comarca atópase a Torre da Pena.
Elevada nun outeiro que domina todas a estas terras, no actual concello de Xinzo, a Torre da Pena procurou no seu día unha posición defensiva que dominara todo o gran campo visual da chaira limiá. A fortaleza, construída no século XII, aínda conserva a día de hoxe a preeminencia sobre esta comarca, sendo visible case dende calquera punto dela.
Unha comarca rodeada de fortificacións
Mais non é a única. A Torre da Pena forma parte dun conxunto de fortificacións que antigamente protexían a liña fronteiriza da comarca da Limia, para previr ataques doutros señoríos, especialmente dos exércitos portugueses. Delas consérvase na actualidade Sandiás, Porqueira e Celme. Porén, no seu momento houbo moitas máis, incluso de relevancia maior, como Barra, Padreda, Cima de Ribeira ou o castelo de Aguiar da Moa.

Torre da Pena / foto Turismo de Galicia
A torre da Pena foi testemuña de batallas entre os señores de Galicia e Portugal, na defensa dos seus reinos. Tamén foi obxecto durante a Baixa Idade Media das disputas entre as casas Lemos e Monterrei. No ano 1386 foi conquistada polo duque de Láncaster pasando por herdanza á casa de Monterrei e dela, por un matrimonio, ós Lemos. No século XVIII acabou abandonada.
Unha sólida torre sobre o ceo da Limia
Na actualidade consérvase unha alta e sólida torre da homenaxe, de anchos muros de perpiaño, en moi bo estado de conservación así como os restos dalgunha das súas murallas. A torre ten a particularidade de que a súa porta de entrada atópase elevada do chan, tendo desaparecida a escaleira de madeira de acceso. Nos arredores poden verse tamén os restos da canteira da que se extraeu a pedra para a súa construción.
Na actualidade a Torre da Pena está declarada Ben de Interese Cultural sendo propiedade da Xunta de Galicia. Pois no ano 2009 foi transferida a esta polo Estado xunto coa Torre do Castro e a Torre de Porqueira. Tras anos de abandono nos anos 2016 e 2017 fixéronse dúas campañas arqueolóxicas para determinar o seu estado. O pasado 21 de xuño saía a concurso a licitación da súa consolidación e posta en valor.

Torre da Pena / foto Turismo de Galicia