Un veciño de Sada doa ó Concello de Oleiros máis dun millón de euros en obras de arte
Unha ampla colección de todo tipo de obras arte, como cadros, figuras, reloxos, mobles, esculturas, moedas…, valoradas en máis dun millón de euros. Esta é a excepcional doazón que o Concello de Oleiros acaba de recibir dunha persoa polo de agora anónima, residente en Sada. As pezas foron entregadas de balde ó Concello coa única condición: que se expuxeran ó público de maneira conxunta nun mesmo recinto.
“Hai varias semanas chamoume unha persoa que tiña unha grande colección de obras de arte porque quería doarlla ó Concello, coa única condición de que se expuxera de forma conxunta” afirmaba o rexedor oleirense Ángel García Seoane. “Segundo me comentaba dirixírase tanto á Xunta como ó Concello de Sada para ofrecer todo este patrimonio, pero parece que todos lle daban largas”, afirma.

Edificio A Nave Espacial de Sada / foto Concello de Sada
“Nós, indubidablemente, fomos ver o que tiña e dado o seu valor artístico aceptamos de inmediato”, explicaba o rexedor a través dunha nota de prensa ós medios o pasado día 12. “Polo momento non podo facer público o nome desta persoa. Tan pronto como sexa posible fareino, para agradecerlle esta importante doazón ao Concello de Oleiros”.
Un médico de Sada afeccionado á arte
A colección, podería estar composta por máis de 70 cadros, reloxos e mobles antigos ou ata 20 quilos de moedas de prata, que poderían estar almacenados nun piso de Sada. Poderían pertencer, tal e como ampliaba o xornal La Opinión de A Coruña, a un médico desta localidade afeccionado á arte.
Segundo o medio, o alcalde de Sada, Benito Portela, tería recibido a mesma oferta. Porén, como el mesmo afirmaba esta non tería sido en firme, a pesar de ter mesmo visitado a colección. O Concello de Oleiros podería estar plantexando situar colección nas salas de exposicións do castelo de Santa Cruz.

Castelo de Santa Cruz en Oleiros / foto HdG