fbpx
Cibdá de Armea / foto Concello de Allariz

En profundidade: así foron os dez anos de escavacións en Armea, a gran cidade romana de Allariz

Tempo de lectura: 6 min.

Tal e como contamos o pasado mércores, a comezos deste mes de xullo comezará unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no castro de Armea, en Allariz. Trátase da décima campaña consecutiva no castro, o que o converte nun verdadeiro referente da arqueoloxía galega e un xacemento esencial para entender a cultura galaica e romana.

E é que o Concello de Allariz e Universidade de Vigo levan xa dez anos descubrindo un dos xacementos máis importantes de Galicia. No proxecto levan xa unha década a colaborar o Concello de Allariz e a facultade de Historia da Universidade de Vigo. Foi a través do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), nunha escavación dirixida por Adolfo Fernández.

Cibdá de Armea / foto Concello de Allariz

O castro, o Forno da Santa e o monte do Señoriño

A chamada Cibdá de Armea é un recinto romano, coa aparencia dun castro, que estaría habitada, segundo os estudos, entre de entre os séculos I e III d.C. As primeiras escavacións no lugar datan da década de 1950 por Francisco Conde-Valvís e correspóndense coa zona da Atalaia, onde se atoparon dúas grandes domus. Dende o ano 1963 o xacemento é Ben de Interese Cultural.

O xacemento estaría conformado por tres recintos escavados, o castro ou Cibdá de Armea, localizado no alto do monte das Casarellas; o forno da Santa, situado nas faldras meridionais do monte; por último a Atalaia, no monte do Señoriño, localizado na zona máis alta, correspóndese cos restos dunha vila romana con rúas pavimentadas.

Cibdá de Armea / foto Concello de Allariz

Nesta zona atopáronse dúas grandes casas ou domus. Son as coñecidas como Domus de Hexacele e a Domus da Roseta, xunto con rúas pavimentadas, rede de saneamento ou canles de evacuación de auga. A primeira é unha gran casa urbana con dúas zonas acodadas ou en L, un adro columnado, lagar e cociña e un patio. A outra con salóns dormitorios unha cociña e almacéns sábese que tería un segundo andar cun balcón que daría ó patio, dun xeito semellante ás nosas solainas.

Cibdá de Armea / foto Concello de Allariz

O Forno da Santa

Ademais desta gran vila romana, o do castro de Armea destacaría especialmente pola súa capacidade termal na época galaico-romana. Sería no lugar coñecido como o Forno da Santa, situado nas faldras do monte. Trátase dunha cripta templaria soterrada que podería corresponderse cunha sauna prerromana.

É esta unha tipoloxía xa moi coñecida nos castros galegos e portugueses, con fornos, unha sala anterior e un estreito acceso a través dunha chamada ‘pedra formosa´. Porén a tradición fálanos da cristianización do lugar. Pois a lenda conta que foi neste lugar onde se tentou queimar a Santa Mariña, converténdose nunha basílica inacabada que data do século VI.

Exterior do Forno da Santa / foto Urkiola Wikilock CCBY

Dez anos de escavación

Todos estes espazos foron escavados ó longo destes dez anos. Pois neste vindeiro mes de xullo contarase unha década de escavacións consecutivas, todas elas especialmente frutíferas. Todas elas baixo este equipo de investigación e financiadas integramente polo Concello de Allariz. A Xunta de Galicia participou por primeira no ano 2020 con 30.000 euros tras nove anos de campaña.

No xacemento, ademais de descubrir tres domus e unha vía central, así como outros recintos, atopáronse restos tanto pétreos coma de materiais cerámicos, tellas e vidro, pequenas alfaias na súa maioría elaboradas en bronce, moedas e restos de pigmentos. Poden atoparse estancias con lareiras, muíños, canles de desaugue, pavimentos e zonas dedicadas a produción de utensilios de metal e vidro.

Cibdá de Armea / foto Concello de Allariz

O tesouro pétreo de Balvís, trísceles e unha adega

Mais un dos achados máis excepcionais en Armea foi durante a escavación do ano 2018, que acabou por deixar á vista practicamente todo o recinto da Atalaia. No curso destes traballos sacando o recheo dunha das zonas escavadas na década de 1950, que Francisco Conde-Valvís escavou e logo volveu a cubrir, o equipo da campaña atopou o que eles chamaron “o tesouro pétreo de Balvís”.

E é que baixo un dos muros da finca atoparon varias bases, capiteis e fustes de columnas, varias partes de muíños e unha roseta, que se supón que pertencen á domus máis próxima. “Foi moi emocionante cando empezaron a aparecer as pezas unha tras outra”, lembraba daquela Alba Rodríguez, unha das arqueólogas do proxecto.

Equipo de escavación da Cibdá de Armea no ano 2018 / foto Universidade de Vigo

E non foi o único tesouro en pedra, pois na campaña anterior, na correspondente a 2017, atoparíanse pedras labradas que engalanaban os muros das vivendas. Unha delas foi un tríscele con restos de pigmento vermello, o que indicaría que os muros destas casas se atopaban enlucidos cun morteiro desa cor.

Mais son tamén de destacar os achados do ano 2019. Pois sacaron á luz un espazo “relacionada quizais coa produción de viño”. “Cremos que o lagar situaríase nos bolos graníticos desa zona elevada e que logo habería unha superficie lisa onde levarían a cabo tarefas relacionadas co viño”, afirmaban as arqueólogas Patricia Valle e Alba Rodríguez. Nas rochas naturais, detallan, “apareceron numerosos rebaixes, canles, lagaretas e outro tipo de marcas que apuntan á instalación dun lagar.

Marcas nas que os arqueólogos cren que estaría montado un lagar rupestre no Castro de Armeá / foto UVigo

O Guerreiro de Armea

Ademais, outro dos achados máis excepcionais relacionados co castro, sería o chamado Guerreiro de Armea. Trátase dunha figura exenta que segue a tipoloxía dos guerreiros galaicos, cinguindo a icónica caetra, ou escudo circular. A figura apareceu moi preto do castro na solaina dunha casa en Outeiro de Laxe, no ano 1953.

Trátase dunha estatua, do século I d. C., coas características iconográficas dos guerreiros galaicos: figura ergueita cos brazos pegados ao corpo, a man dereita sostén unha espada de folla ancha de tipo parazolium e un escudo redondo ou caetra completamente liso vestindo túnica curta. A escultura conservase fragmentada e só se conserva o torso cortado xusto por baixo do cinto.

Guerreiro de Armea / foto Froaringus CCBy Wikimedia

O principal tecido urbano da Gallaecia romana xunto con Lugo

E é que ó longo destes dez anos Armea foise desvelando como un dos grandes xacementos galegos. Tal e como comentaba no ano 2018 Adolfo Fernández, os achados na “Cibdá” permiten situala como “un xacemento único” de orixe romana, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III.

Trátase “dunha auténtica cidade romana que suporía, despois da cidade de Lugo, o principal tecido urbano de época romana de Galicia”. A riqueza que se observa nos seus restos, sinalaba, apuntarían a unha capital rica e de prestixio. Mais, sexa como for, trátase dun dos grandes xacementos de Galicia, unha vila romana de excepcional importancia e un lugar cheo de información sobre o noso pasado e tamén de lendas, que se atopa ademais moi preto de Augas Santas.

Cibdá de Armea / foto Concello de Allariz

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...