Buscando a conexión da época medieval coa época castrexa no Castro de San Lourenzo
Botou a andar a sétima campaña de escavacións que se desenvolve no castro de San Lourenzo, en Pobra do Brollón, que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán. E, novamente, hai un campo de traballo.
Este ano o obxectivo é ampliar a zona de escavación que se estende entre a ábsida da ermida e a muralla do castro, para procurar o límite da necrópole altomedieval e ver como conectan os restos medievais coa muralla antiga do castro. Ademais das tarefas no Castro de San Lourenzo, os voluntarios dedicarán o seu tempo libre a coñecer outros elementos patrimoniais de Cereixa e do municipio da Pobra do Brollón. As escavacións no castro están abertas ao público.
Tamén o programa de visitas guiadas ‘Déixate Guiar’ que ofrece o Concello da Pobra do Brollón permite coñecer o Castro de San Lourenzo e ver as escavacións en primeira persoa.