fbpx
Un canón nunha recreación militar/ foto shafmanCC0

Cal foi a contribución histórica do estamento militar de Galicia ao desenvolvemento científico?

Tempo de lectura: 2 min.

Poñer en valor a traxectoria científica de persoeiros galegos que pertenceron ás Forzas Armadas foi o obxectivo que impulsou a José Ángel Docobo, Fernando Ponte, Iván Fernández, Pedro P. Campo e José R. González para realizar o libro dixital El legado científico de las Fuerzas Armadas en Galicia y de los gallegos pertenecientes a las Fuerzas Armadas, editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. “Ousandos mariños e navegantes, astrónomos e cartógrafos, intrépidos aviadores, pilotos de derrota, médicos, veterinarios… A nómina de persoeiros galegos ou que, non o sendo, desenvolveron un importante labor científico e de investigación en Galicia asociados ao estamento militar é moi numerosa, malia os seus nomes dicir ben pouco ás xeracións actuais”, apuntan os autores.

Un destes intrépidos militares, mariño e científico foi  Francisco de Seijas y Lobera que, tras percorrer os sete mares do mundo, deu ao prelo en Madrid ‘Descripción geográfica y derrotero de la región Austral-Magallánica (1690)’. Pero rematou os seus días traballando en Versalles para a corte do rei Sol Luís XIV e esquencido polo Reino de España.  “Tirar deste inxusto esquecemento tan insignes nomes, difundir e poñer en valor a súa traxectoria científica e achega ao progreso socio-cultual e científico alí onde asentaron institucións militares”, explican os autores, foron os obxectivos que os moveron a organizar en 2018 e 2019 as exposicións celebradas en Santiago, Coruña, Marín, Pontevedra e Ferrol que están na base do libro que agora ve a luz.

Editado en formato dixital interactivo e ilustrado con gravados, material fotográfico e cartográfico, a obra aparece seccionada en oito capítulos destinados a mariños e navegantes, ensinanza naval, astrónomos e cartógrafos, levantamento de mapas,  exército de terra e aviadores galegos, centros de ensinanza militar, así como médicos e veterinarios. A publicación compila “ un rico elenco de nomes, temas e feitos históricos e venerables institucións, parte substancial da recente historia cultural e científica da Galicia que contribuíron de xeito indiscutible á proxección internacional do país”, conclúen os autores.

Pode que che interese...