fbpx
Monxas guerreiras, da obra de Ben

As desterradas… Coñecendo a historia das monxas que se enfrontaron á Coroa de Castela e ao Papado

Tempo de lectura: 2 min.

A Covid non impediu que un cento de persoas se dera cita este domingo en Albeos, Crecente, seguindo un roteiro relacionado coa Peza teatral “As Desterradas” de Carme Varela (XXV premio Álvaro Cunqueiro de Textos teatrais), unha obra que narra o enfronamento dunhas monxas coa Coroa de Castela e o Papado.

O argumento da obra aborda o acontecido no mosteiro de Albeos, situado entre as fortalezas de Melgaço en Portugal e a de Fornelos en Galicia. Alí chega unha carta da raíña Xoana de Castela. A pequena comunidade de monxas vese sacudida por unha sentenza que, ao parecer, é xa inapelable e, escena a escena, vaise descubrindo a traxedia que estas monxas están a vivir. “As desterradas” adéntrase no enfrontamento desatado entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos galegos nos séculos XV e XVI. Unha historia de resistencia protagonizada por un pequeno grupo de monxas que mantiveron unha valente e desigual pelexa cos grandes poderes do seu tempo: a coroa e o papado.

Roteiro por Crecente coa visita ao mosteiro de Albeos organizada polo Sorriso de Daniel / Carme Varela

A peza recrea eses días finais no mosteiro de Albeos, dos que non chegou documentación porque, “como o Padre Colombás deixou dito, os documentos comprensiblemente escasean porque ninguén ten interese en conservar papeis ou pergameos embarazosos”. Lonxe quedaba o tempo no que os abades de San Bieito de Valladolid se queixaban amargamente do apoio da curia romana ás monxas galegas: “cada hora nos dicen que nos han de destruir como los templarios, y aun por tales y peores nos tienen. Pues nuestro santísimo padre el Papa nunca nos llama sino herejes”.

Roteiro

Os lugares percorridos foron a igrexa parroquial de San xoán de Albeos, o mosteiro de Albeos (ruínas), o pazo da Fraga e unha das pesqueiras do Miño e tamén o santuraio da Orada en Melgaço. O roteiro tiña como obxectivo principal a posta en valor da historia deste mosteiro case perdido do concello de Crecente.

Os asistentes reivindicaron unha vez máis unha interveción de consolidacion sobre as ruínas e unha interveción arqueolóxica nas inmediacions de onde estivo.

Pode que che interese...