Escritores descubrirán os mundos das súas novelas históricas na 4ª edición de Rutas de Historia
O portal web RUTAS DE HISTORIA (www.rutasdehistoria.gal) pon en marcha a 4ª edición dos seus roteiros históricos, despois do parón do pasado ano pola Covid. E, nesta ocasión, o protagonismo é para as paisaxes e relatos da novelas históricas ambientadas en Galicia.
Por iso, o proxecto “Roteiros literarios históricos de Galicia”, impulsado tamén desde o portal de Historia de Galicia, xorde coa pretensión de crear unha serie de andainas literarias atractivas para os interesados en coñecer as tramas onde teñen lugar as historias de obras da literatura galega.
Deste xeito, os participantes percorrerán as rúas, camiños e prazas representadas nesas novelas, permitíndolles recrear os mitos e lendas ocorridos neses espazos, ademais de poder revivir as tramas das novelas históricas e formar parte da trama literaria. Unhas vivencias que, ademais, poderán compartir e disfrutar cos propios autores das obras que serán os encargardos de guiar aos particpantes polos lugares simbólicos da súas novelas.
As obras e os espazos seleccionados para a realización destes roteiros pertencen a escritores galegos de novela histórica, entre eles, Marcos Calveiro, Manuel Gago, Eva Mejuto ou Anxo Angueira e Manuel Lourenzo Baleirón que levarán aos participantes por terras e espazos reais e imaxinados de Vilagarcía, Baroña, Ribadavia e Padrón.
Os “Roteiros literarios históricos de Galicia” están dirixidos a todas aquelas persoas interesadas na literatura galega e, en particular, no xénero histórico, e que, ademais, gosten da nos historia, o noso patrimonio, das actividades ao aire libre e teñan sensibilidade co idioma galego.
Andainas durante máis dun mes
As andainas de outono comezarán a vindeira fin de semana, cun roteiro en Vilagarcía, o 2 de outubre e finalizarán o vindeiro 6 de outubro en Padrón.
1. Roteiro literario a “Vilagarcía dos ingleses” ( 2 de outubro). Seguindo o fío da novela “O Xardineiro dos Ingleses”, editorial Galaxia 2017, Premio García Barros 2017, Premio San Clemente 2018, de Marcos Calveiro, visitaranse lugares emblemáticos da vila arousá onde aínda fica a pegada da visita das escuadras da Royal Navy dende 1874 a 1936.
2. A paisaxe e o mundo de Nús (16 de outubro). Nús (Xerais, 2021) é a última novela de Manuel Gago, ambientado no movemento de reivindicación do nudismo na Galicia dos primeiros anos 80. Este roteiro percorrerá un dos escenarios máis destacados destes feitos na a parroquia de Baroña (Porto do Son, A Coruña).
- As irmás Touza. As Schindler galegas da estación liberdade (30 de outubro). Este roteiro, seguindo as pegadas das irmás Touza a partir da obra Memoria do Silencio, de Eva Mejuto, achegarase á vila de Ribadavia e tamén á fronteira do sur da provincia de Ourense con Portugal, tratando de coñecer polo miúdo o labor que as Irmás Touza, Lola Xulia e Amparo, realizaron nos anos 40 do pasado século para axudar aos fuxidos do nazismo a atravesar a fronteira co país veciño na procura da liberdade.
4. Na procura das pegadas de Rosalía ( 6 de novembro). As pegadas de Rosalía é un traxecto que transcorre por Padrón e conduce ao turista polos recunchos máis emblemáticos da vida da poetisa máis recoñecida de Galicia. Esta iniciativa, levada a cabo por Anxo Angueira, tamén presidente da Fundación Rosalía de Castro, e guiada polo escritor e profesor Manuel Lorenzo Baleirón, percorrerá os lugares máis emblemáticas da vida da poetisa; o cemiterio de Santa María a Maior de Iria Flavia, a alameda, o Pazo de Arretén, o paseo do Espolón e a Casa da Mazanza, actual casa-museo de Rosalía de Castro.
A realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal, contan co soporte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os roteiros teñen unha duración de entre catro e seis horas e serán realizados durante as mañás do sábado, agás a de Ribadavia, que tamén terá un percorrido pola tarde. Os roteiros serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Respectaranse en todo momento as normas sanitarias e os protocolos anti-covid establecidos pola Xunta e gardando todas as medidas de seguridade sanitaria pertinentes (uso obrigatorio de máscara, distancias de seguridade, etc). Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto ( www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal) cunha antelación de 24 horas.