fbpx
Xosé Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O Xulgado ratifica a legalidade do nomeamento de Xosé Manuel Rey como director do Museo de Pontevedra

Tempo de lectura: 2 min.

O Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra vén de facer pública unha sentenza que ratifica a legalidade e corrección do nomeamento do novo director do Museo, Xosé Manuel Rey. A Deputación certifica así a rectitude da designación tras o recurso presentado pola Asociación de Amigos do Museo (AMUPO) que, unha vez desestimada a súa queixa, debe facer fronte ás costas do proceso.

Segundo apunta a Deputación de Pontevedra nun comunicado, “a decisión do tribunal bota por terra a intención de Amupo de que se declarase nulo o nomeamento de Rey “por considerar que o Museo é unha “competencia impropia” da Deputación, e polo tanto esta non debería ter capacidade para elixir un director/a, para a súa xestión, das súas coleccións e do seu persoal.

Na resolución recoñécese que o procedemento para a selección de responsable de dirección fíxose “atendendo aos principios de publicidade, mérito e capacidade”. “Publicouse a convocatoria no BOP esixindo determinados requisitos segundo as bases, concorreron ao proceso unhas oito persoas, nomeouse unha comisión para buscar a especialidade técnica, un dos aspirantes declarado idóneo pediu unha valoración dos demais, e ningunha das persoas concorrentes recorreu o proceso que foi pacífico e se desenvolveu con normalidade”, segundo a testemuña da xefa de Recursos Humanos da Deputación.

No texto da sentenza apúntase, ao falar da lexitimidade da demandante, que a Asociación de Amigos do Museo, como entidade que pretende promocionar o Museo, “debería ser a primeira interesada en que se cubrise o posto de director dacordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, en orde á boa xestión da institución”, polo que fai a lectura do fin do recurso era “aproveitar para suscitar controversia sobre a competencia xeral da Deputación sobre o Museo”.

Sen probas

Fronte a este fondo da cuestión, a maxistrada do xulgado apunta que máis alá das noticias de prensa ás que alude a parte demandante “non existe ningunha proba de que a Comunidade Autónoma de Galicia tivera plantexado cuestión algunha de competencia sobre este aspecto –a titularidade do Museo– á Deputación”, tomando como base a declaración testifical do propio director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, quen subliñou que o feito de que o Museo teña a consideración de ben de interese cultural (BIC) “non obriga” a que sexa a Administración galega quen o administre ou sexa propietario.

Por todo isto, a resolución xudicial subliña que “a demanda adolece de fundamentación”, xa que “non existe nin fundamento fáctico nin xurídico que ampare a pretensión suscitada”. Para a maxistrada “non se entende en que medida os preceptos citados pola parte recorrente apoian a consideración de que o Museo non poida ser servizo propio da Deputación, nin que deba ser considerado como BIC de competencia exclusiva da Xunta”. Así, a sentenza desestima o recurso contencioso administrativo de Amupo e imponlle o pago das costas do proceso.

Pode que che interese...