Queres saber como podería ser a vida da Raíña Lupa no Pico Sacro?
Como sería a relación mítica que a raíña Lupa mantiña co Pico Sacro?… Unha pregunta que entra no imaxinario popular e que o grupo teatral Os Quinquilláns quere respostar coa representación “A Raíña Lupa e o encanto do Pico Sacro”, organizada polo Concello de Boqueixón.
Trátase dunha visita teatralizada ao Pico Sacro que se desenvolverá nas tardes dos sábados 4, 11 e 18 de setembro, así como os domingos 19 e 26 de setembro. A participación nas visitas teatrais é totalmente de balde, se ben a situación sanitaria actual fai que o número de prazas sexa limitado e sexa imprescindible inscribirse previamente no mail boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 981 513 061. Ademais, durante a actividade as persoas participantes deberán levar posta a máscara e manter a distancia de seguridade.
O punto de encontro cos Quinquilláns será o propio cumio do Pico Sacro, ás 17:30 horas. Aló, as persoas visitantes coñecerá a Seixo, un mouro que ten como misión recibir aos peregrinos e á xente que pasa a carón do Pico Sacro e presentalos diante da Raíña Lupa, a persoa máis poderosa da contorna e que lles contará como foi en verdade a lenda do Pico e as probas que tiveron que pasar os discípulos de Santiago para converter a Compostela e ao propio Pico Sacro en lugares lendarios.