fbpx
Mapa do norte de Portugal e sur de Galicia e o paso de frotas corsarias / Pedro Teixeira 1666

Enfrontamentos entre corsarios e monxes na costa galega, a ameaza turco-berberisca e a batalla de Lepanto

Tempo de lectura: 3 min.

A victoria da Santa Alianza en Lepanto o 7 de outubro de 1571, da que se conmemoran 450 anos, non suporía a eliminación dos corsarios turcos e berberiscos no Mediterráneo tal e como sinala Martínez Crespo (2017, Cuadernos de Estudios Gallegos) xa que o conflicto continuaría a pequena escala e incluso chegando ás costas atlánticas nos primeiros anos do século XVII. A incorporación nas tripulacións de mouriscos españois expulsados en 1610 renovaría a acción de corso sobre as costas peninsulares. Desde Argel ou Salé os corsarios foron progresando na navegación atlántica ameazando o tráfico marítimo do norte de Europa.

O papel do mosteiro de Oia na guerra contra os piratas turcos

O mosteiro de Oia converteríase nun exemplo de loita e victoria contra os corsarios nas primeiras décadas do século XVII. Os monxes de Oia foron recoñecidos como bós artilleiros grazas a varias intervencións que permitiría salvar a navíos portugueses, franceses e ingleses sendo famosa a victoria de 1624 publicada por Andrés de Almansa y Mendoza baixo o título de “Relación de la victoria que los Monges Bernardos de nuestra Señora de Oya tuuieron de cinco nauios de turcos en 20 de abril”, que sería remitida á corte de Felipe IV para engrandecer o nome do mosteiro e incluso sinalar a intervención divina da Virxe do Mar.

Patio de armas do mosteiro de Oia, onde estaban situadas distintas baterías de canóns para repeler os ataques dos corsarios / Suso Vila

Por que Oia foi unha fortificación artillada na costa galega con máis sona que Baiona? O feito de ser un mosteiro facía de Oia un punto exótico na defensa do litoral e por iso os relatos dos monxes aparecen máis destacados que nunha fortaleza cunha función militar exclusiva de defensa do seu porto comercial.

Ataques a Galicia

Os corsarios turco-berberiscos comezarían a se fixar en Galicia como paso obrigado das rutas atlánticas e nas Illas Cíes como local para reparar e abastecer os seus navíos. O ataque sobre a ría de Vigo de decembro de 1617 sería a data de comezo oficial da etapa de perigo permanente sobre a costa sur galega. A queima de Cangas e a captura dos seus habitantes, moitos escravizados, resultaría un duro golpe para a economía das Rías Baixas.

Ao longo do século XVII os corsarios turco-berberiscos acosarían a calquera embarcación que navegase pola costa e incluso a ameaza sobre terra firme en lugares desamparados da costa das Rías Baixas.

O culto a Nosa Señora do Rosario e a victoria en 1571 sobre a armada turca puideron adquirir ao longo do século XVII outra lectura, xa non só celebrar a gran victoria naval senón e tamén como invocación para acabar coas terroríficas incursións berberiscas.

Imaxe da batalla de Lepanto na Igrexa de San Domingos de Tui � / Suso Vila

En 1741 a confradía de Nosa Señora do Rosario de San Domingos de Tui encargaba a un anónimo mestre portugués o extraordinario retábulo do Rosario da igrexa dominica. No ático realizaríase a representación da victoria naval de 1571 retratando aos seus protagonistas como o papa Pío V, D. Juan de Austria ou Alí Pacha o comandante otomano. A gran teatralidade deste retábulo puido ser eco da ameaza dos corsarios nas augas galegas durante o século XVII? O certo é que 450 anos despois da batalla de Lepanto en San Domingos de Tui temos un dos escasos exemplos de representación artística da batalla nun retábulo. Quizais os confrades do Rosario en Tui non estaban a pensar nun escenario bélico lonxano senón a proxectar na súa memoria as batallas que protagonizaron os monxes de Oia que tiveron o valor de derrotar en varias ocasións a un temible inimigo nas rías galegas.

Pode que che interese...