fbpx
Agresión aos petróglifos dunha das estacións do Museo Aberto de Carnota / LV

Riscan e danan “irreversiblemente” varios petróglifos no Museo Aberto de Carnota

Tempo de lectura: < 1 min.

Novas agresións ao patrimonio galego e, desta volta, a un parque arqueolóxico ao aire libre que presumía, precisamente, diso, de estar ao aire libre. Trátase do Museo Aberto de Carnota, un conxunto de petróglifos que miran cara o mar.  E é que unha das súas estacións apareceu rascada cun obxecto punzante e iso, advirten desde o Concello, supón unha infracción da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

A técnica do Museo Aberto de Carnota sinala que o máis probable é que a persoa que realizou as marcas sobre os gravados non o fixese con intención de provocar un dano, senón para definir os debuxos para velos mellor. Por iso, tratan de concienciar aos visitantes alertando de que este tipo de prácticas están totalmente prohibidas. “Non se poden riscar gravar con xiz, pedras, paus ou calquera outro obxecto. Antigamente si que se adoitaba facer, pero agora está prohibidísimo e o dano é irreversible”, apunta en declaracións a La Voz.

O petróglifo en cuestión que resultou danado nesta ocasión é o Prousos Meigos, formado por dúas estacións nas que se reproducen unha gran cantidade de motivos, desde paletas, cazoletas e combinacións circulares a trazos antropomorfos ou cruciformes. Neste caso, é difícil determinar que obxecto se utilizou para repasar as figuras, pero as marcas e rascazos ocasionados nos debuxos da Idade de Bronce son evidentes. Vía la Voz de Galicia.

Pode que che interese...