fbpx
Estrutura circular da Roda, en Barreiros / www.galiciaconfidencial.com

Así foron os descubrimentos dos henges máis importantes de Galicia que se atopan na Mariña

Tempo de lectura: 2 min.

A Mariña conta con nove xacementos arqueolóxicos, descubertos nos últimos 15 anos. A Roda é o primeiro xacemento arqueolóxico deste tipo (henges) que se atopou e, xunto a “Lavandeira”, é o único que foi catalogado e no que se levaron a cabo escavación arqueolóxicas nas que se confirmou a súa orixe: estruturas circulares da Idade de Bronce. Existen outras dúas estrututras de A Mourisca que tamén están catalogadas aínda que non escavadas; os cinco recintos restantes non están rexistrados.

No ano 2006, a escavación da Roda de Barreiros sacou á luz este novo tipo de xacementos arqueolóxicos en Galicia que, máis tarde, se atoparían en máis lugares do territorio. Na Mariña, o traballo de Mariña Patrimonio foi fundamental para a localización das oito restantes estruturas da zona.

Na zona da Mourisca, en Cervo, localizáronse dous xacementos de 40 metros de diámetro en 2014. A asociación solicitou a súa catalogación e protección á Dirección Xeral de Patrimonio que foi denegada polo Servizo de Patrimonio de Lugo. Esta sentencia foi corrixida tres anos despois trala denuncia no 2016 de graves danos á estrutura da Mourisca 2 por mor dunha plantación de eucaliptos.

En 2015 foi descuberta a estrutura de “A Lavandeira” na localidade de Xove tamén por membros de Mariña Patrimonio. A construción dunha vía de altas prestación no lugar provocou que unha parte importante do recinto quedase sepultado baixo 13.000 metros cúbicos de terra. Cando a asociación informou á Dirección Xeral de Patrimonio da existencia deste ben patrimonial leváronse a cabo as intervencións arqueolóxicas nos anos 2017 e 2019 que dataron o sitio arqueolóxico da Idade de Bronce.

Estrutura circular de Lavandeira á altura de chan / Mariña Patrimonio

Un ano máis tarde, imaxes aéreas alertaron da presencia de outras dúas estruturas circulares: unha en Vilagoíz (A Devesa- Ribadeo) e outra nunha parcela de Barreiros na parroquia de San Xulián de Cabarcos coñecida como Campo da Roda. Ambas estruturas precisan de investigacións arqueolóxicas para demostrar a súa orixe prehistórica.

A última estrutura foi descuberta no lugar de Rochas, en Fontao (Cervo) no 2017. É un recinto de 40 metros de diámetro que, aínda que Mariña Patrimonio solicitou a súa catalogación só atopou silencio por parte das administracións. Debido a quedar sen protección, no ano 2020 produciuse unha plantación de eucaliptos na que unha apertura dunha gabia sacou á luz un muíño barquiforme que podería estar relacionado coa estrutura circular de Ronchas.

A Mariña é unha zona rica a nivel arqueolóxico que se está a atopar con moitos perigos debido a pouca cooperación das institucións políticas. Os nove recintos arqueolóxicos precisan de protección para evitar danos e investimento que permita as correspondentes investigacións.