fbpx
Pintura que recolle a un grupo de mulleres marchando cara Versalles tras un motín / pintura

Cando as mulleres galegas só se podían defender con paus e pedras

Tempo de lectura: 2 min.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,

dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sen vida.

I ó lado, contenta, senteime das vítimas,

tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces… estonces, cumpreuse a xusticia:

eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

 

En 1880 Rosalía de Castro publicou Follas Novas, a súa última obra poética en galego. Nela ía inscrito o mítico poema ‘A xustiza pola man’: un relato de redención en primeira persoa, no que unha muller aldraxada se vinga dos seus agresores fouce en man. 141 anos máis tarde, a obra permanece como un lugar común do imaxinario cultural galego, pero tamén para dar fe dunha dinámica pouco coñecida na historia do noso rural: o papel da muller como precursora de múltiples mobilizacións ante as inxustizas. 

Precisamente, A Xustiza pola man foi o título escollido por Francisco Jorge Leira Castiñeira e Miguel Cabo Villaverde para lanzar un ensaio sobre o papel da violencia e o conflito na Galicia dos últimos 200 anos. A obra mergúllase nas dinámicas de protesta e loita social da idade contemporánea con 13 artigos de autores diversos. Estes, a modo de pequenas teselas, van conformando un gran mosaico do que xermolan conclusións sorprendentes. Por exemplo, que a sociedade galega era relativamente menos conflitiva que o resto do Estado, e que as mulleres contaron cun papel central en moitas das protestas de finais do século XIX e principios do XX.

Sempre se adoita referir, neste aspecto, a revolta das cigarreiras da Coruña de 1857, que abriría a porta a novas folgas na cidade herculina e o resto do país en anos sucesivos. Pero o papel central das mulleres estivo, sobre todo, nos chamados motíns de subsistencia: aquelas mobilizacións –en algunhas ocasións violentas– que xurdían fronte á escaseza de víveres básicos, o incremento no seu prezo ou a entrada en vigor de novos impostos.

A revolución das mulleres de Cervo

Así o reflicte a historiadora burelá Herminia Pernas no volume colectivo que veñen de sacar do prelo Leira Castiñeira e Miguel Cabo da man de Xerais. A doutora en Historia pola USC dá conta de como a “efervescencia nos ánimos” adoitaba manifestarse primeiramente nas mulleres, sendo tamén as primeiras en concentrarse fronte a edificios chave nas vilas –o Concello, a panadería, etc.– nunhas mobilizacións ás que logo se sumaban os homes.

Porén, e en moitas ocasións, as mulleres da época tampouco tiveron reparo en exercer accións violentas contra a inxustiza no momento. Un dos casos máis rechamantes entre os recollidos por Pernas é o motín do 23 de agosto de 1892 en Cervo, no que un “amotinamento” de 300 mulleresarmadas con paus e pedras desatou o caos no edificio do Concello para protestar contra o imposto de consumos. Toda a reportaxe no Galicia Confidencial.

Pode que che interese...