fbpx
Depósito atopado nunha cabana dun poboado fortificaco do Larouco de hai 2.000 anos onde se investiga se hai restos óseos infantís / Xunta.gal

Ósos infantís nun castro de hai 2.000 anos?… Dependerá do Carbono 14

Tempo de lectura: < 1 min.

Os traballos arqueolóxicos no municipio ourensán de Larouco descubriron restos óseos, sementes e carbóns atopados dentro dunha pota cerámica. A pota estaba baixo o pavimento dunha cabana rectangular de 30 metros cadrados, enterrada e tapada cunha laxa. As dúas hipóteses que se barallan sobre o descubrimento son a dun enterramento infantil ou un depósito de alimentos a modo de banquete festivo.

O ben escavado é un poboado fortificado da Idade do Ferro. Os restos apareceron no interior dunha cabana ‘castrexa’ e terían unha antigüidade, á espera de realizar a proba do carbono 14, duns 2.000 anos.

Martiño Xosé Vázquez, director do traballo de recuperación dos restos, asegura sobre as dúas hipóteses que, “a pesar de non ser un fenómeno habitual no mundo dos castros, si existen varias referencias para orientarse en ambas as direccións”. Tamén sinalou que neste momento atópanse á espera de realizar a proba do Carbono 14, para datar e analizar a mostra e poder decantarse por unha das dúas posibilidades.

A zona coñecida como ‘O Castrillón’ non fora obxecto de ningunha intervención arqueolóxica ata o outono de 2020. Despois de dúas sondaxes para determinar a cronoloxía do lugar, tomouse a decisión, entre o municipio de Larouco e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de levar a cabo un proxecto de investigación arqueolóxica cun orzamento de 30.000 euros. Ademais, como parte do proxecto, realizarase unha mellora paisaxística do lugar e a creación dun itinerario de visita. A mellora paisaxística da zona, que comezou o pasado outubro baixo a dirección da Sociedade Cooperativa Xeitura: xestión integral do Patrimonio, completou a limpeza de tres hectáreas de terreo.

Pode que che interese...