Piden a descatalogación dun castelo medieval pantasma en Becerreá
A ubicación dunha fortaleza medieval neste sitio de Becerreá débese á errada lectura do coñecido como Preito Tabera-Fonseca, unha arbitraxe que no século XVI tivo como protagonistas aos arcebispos de Santiago Alonso de Fonseca e o seu sucesor Juan Pardo de Tabera. Pouco despois de chegar ao cargo, Pardo de Tabera reclamou a Fonseca dez millóns de maravedises polos danos ocasionados polos Irmandiños ás fortalezas pertencentes á Mitra Compostelá que o primeiro non reconstruíra. O citado Preito fala dunhas 100 fortalezas que foron derrubadas polos Irmandiños, principalmente durante a Gran Guerra que tivo lugar entre o 1467 e o 1469, entre elas a de Pena Aguieira.
A que se debe a confusión?
Aínda que este castelo non pertencía á Mitra e carecía de interese para os preiteantes, neste caso o documento resulta importante porque as testemuñas citadas a declarar mencionan tamén outras fortalezas. Así sábese que os Irmandiños derrubaron as nove torres do castelo de Sarria, que máis tarde foi reedificado, e despois foron contra o de Pena Aguieira. O escudeiro lugués Afonso do Campo confesa que estivo no cerco que a Irmandade tivo contra esta fortaleza, coincidindo coas testemuñas de Ares de Rigueira, Afonso Ferreiro, Lopo do Outeiro, Fernán de Betote e Gómez Paz. O campesiño Lope de San Silvestre, vasalo do mosteiro de Samos que participou no ataque, dixo que a Irmandade, despois de atacar o castelo de Sarria foi contra o de Pena Aguieira, derrubándoo na súa totalidade.

Aldea da Valiña, en Becerreá, onde sitúan un inexistente castelo / Patrimonio dos Ancares
O citado Lopo do Outeiro, vasalo do señor de Pena Aguieira, deixa claro que os límites entre un e outro dominio estaban próximos, a menos dunha legua, o que explica que o derrubamento das fortalezas de Sarria e Pena Aguieira coincidan no tempo. En efecto, a uns seis quilómetros en liña recta, na parroquia de Sa, no concello do Páramo, case no límite co de Sarria, a 630 metros de altitude, atópase o castelo de Pena Aguieira, tamén catalogado, onde a mediados dos anos noventa documentouse os restos dunha estrutura central da fortificación e entalladuras nas rochas onde se apoiaban as vigas de madeira, ademais de obxectos cerámicos, metálicos e unha bóla de pedra incrustada nunha viga carbonizada que corresponde a un proxectil. Polo tanto, o castelo Pena Aguieira (non de Agüeira) atopábase no Páramo, non en Becerreá.
Dende Patrimonio dos Ancares consideran que é preciso revisar este tipo de informacións. Outro exemplo na comarca é o do castelo de Altamira, en Navia de Suarna, onde é habitual atopar referencias que dan por feito que foi derrubado, como o inexistente de Pena Agüeira en Becerreá, polos Irmandiños, cando se trata doutro erro, ao confundir esta fortaleza coas coñecidas como Torres de Altamira, no concello de Brión, na provincia da Coruña. Ademais de a Patrimonio para que proceda á súa descatalogación, tamén foi comunicado ao Concello de Becerreá para o teñan en conta á hora de confeccionar o futuro PXOM.