fbpx
O edificio (esquerda), a sauna (centro) e a muralla (á dereita). Foto: AXA / Concello de Cedeira

Que fai un gran edificio público romano ao caron dunha sauna castrexa e dunha porta monumental?

Tempo de lectura: 2 min.

Case mil anos de ocupación deixan moitos restos nun lugar. Quen hoxe se achegue ao castro da Punta do Sarridal (Cedeira), poderá ver.C estruturas que pertencen a unha secuencia que se remonta ao século IV a. e que chega cando menos ata o século IV d.C. Entre elas unha sauna galaica en bo estado de conservación e que foi empregada xa ata ben entrada a época romana, no século II d.C.

Os traballos da última campaña arqueolóxica remataron hai uns días e os profesionais de Axa Arqueoloxía, a empresa que se encargou dos traballos, destaca o gran edificio escavado e consolidado nesta fase arqueolóxica.  Trátase dunha construción de “estrutura de cabeceira absidal” que presenta unha serie de características singulares. “Non é doméstica, é moi grande e o seu pavimento interior é un opus signinum moi coidado”, sinala o arqueólogo Emilio Ramil, en Cultura Galega. O opus signinum era unha preparación do solo a base de anacos de tella e cerámica apisonada e compactada. Para Ramil, a cronoloxía é clara: “por agora sabémolo por achados cerámicos moi claros: sigillata hispánica tardía do século IV”.

Edificio con cabeceira absidal. Foto: Axa Arqueoloxía / Concello de Cedeira

Pero o que resulta singular desta estrutura de cabeceira absidal é que se atopa tamén nun lugar especial: diante da monumental porta do castro e ao carón dunha das saunas galaicas mellor conservadas do norte peninsular. “Pode que coexistiran durante un breve período de tempo, pero son de dous momentos distintos. A sauna foi construída durante a Idade do Ferro e durou ata o século II d.C. Sabémolo por unha moeda que apareceu alí, moi ben contextualizada arqueoloxicamente”, explica Ramil, “pero o edificio de cabeceira absidal é posterior e, pendentes de afinar máis a cronoloxía con outras datacións, foi erguido a partir deses momentos”.

O arqueólogo Ángel Villa ten sinalado a presenza destas singulares áreas públicas nos castros asturianos que exerceron como capitalidades de pequenos territorios en época romana, coma o Chao Sanmartín ou o castro de Coaña. Neles repítese, case como nun deseño de arquitecto, a mesma disposición de elementos: unha porta monumental de entrada ao castro, a sauna, e unha estrutura rectangular moi grande que non ten un uso doméstico. “Evidentemente, o edificio ten unha función que non é para nada doméstica, e que é evidentemente social, política ou relixiosa”, apunta. Toda a reportaxe en Cultura Galega.

Pode que che interese...