fbpx
O alcalde de A Coruña Alfonso Molina con Pedro Barrié de la Maza e Franco / GALICIA UNICA.

Cando a familia Barrié de la Maza fixo negocio co franquismo a través de Fenosa

Tempo de lectura: 3 min.

O xornalista e escritor Antonio Maestre, autor do libro ‘Franquismo SA’, ten un estenso traballo de como se constituíu o capitalismo español trala victoria franquista no 39 e como esas empresas se constituíron a través da súa afinidade persoal co réxime, por casos de corrupción, traballo escravo, represión directa ou incautación das propiedades das persoas represaliadas.

Nunha recente conferencia nas ‘III Xornadas contra a impunidade, organizadas pola Deputación de Pontevedra, sinalou que se coñece o nome de ministros, militares e incluso relixiosos favorables e contrarios ao réxime, mais apenas se fala sobre os poderes económicos que sustentaron a ditadura e nunca fixeron a Transición, non habendo cambio de garda empresarial na democracia cando se cotexa o IBEX 35 na actualidade.

Puxo nomes sobre a mesa e destacou que un caso paradigmático de empresas relacionadas con Franco en Galicia é o da familia Barrié de la Maza, que “mediante diferentes artes” beneficiouse da incautación da empresa eléctrica de Pepe Miñones, un deputado republicano fusilado no 36, facéndose coa propiedade de Unión Eléctrica Coruñesa, que incorporou en Fuerzas Eléctricas do Noroeste (Fenosa), denominada logo Gas Natural Fenosa e Naturgy na actualidade.  Maestre lembrou tamén que foi Barrié o que fixo a “cuestación popular” para o Pazo de Meirás.

O escritor instou a impulsar unha reflexión profunda e subliñou a necesaria institucionalización das políticas de reparación e responsabilidade das empresas que colaboraron coa represión franquista para conformar fortunas persoais e empresariais. Asegurou que as familias beneficiadas, coa grande endogamia que existe entre elas, deberían non ter máis remedio que pedir perdón, avergonzarse e incluso devolver o patrimonio, restituír ou indemnizar ás vítimas, tal e como se fixo en Alemania tras o nazismo, “xa que aínda é posible”.

As sancións económicas dos asasinados, herdadas pola familia

Por outra banda, Xosé Álvarez Castro puxo o punto local ao falar sobre a represión económica e as súas distintas modalidades durante a guerra e a posguerra en Pontevedra. O historiador apuntou que fundamentalmente os modos de presionar economicamente na zona foron as incautacións de bens e as multas gubernativas; o sistema de subscricións, colectas e doazóns que parecían voluntarias pero na realidade non o eran; e tamén o sistema económico da autarquía que  favoreceu a sectores relacionados co réxime mediante o gran estraperlo e se utilizou como castigo e control para os sectores non afectos que coincidían -moitas veces- cos que xa foran represaliados ou próximos ás ideas republicanas.

Álvarez puxo sobre a mesa a trama de corrupción e espolio que se montou arredor da Falanxe, de certas gardas cívicas, de persoas invididuais que se aproveitaron para beneficio propio, un tema novidoso sobre o que hai moi pouco publicado . Asegurou que a súa investigación está documentada en diferentes arquivos con información elaborada fundamentalmente polos propios sublevados. “Non hai lugar a elucubración”, sinalou.

A impunidade foi unha das palabras que máis utilizou Álvarez no seu discurso. Indicou que todos os axentes da represión económica baseáabanse no terror para conseguir cartos dunha maneira moi diversificada: con atracos nocturnos ou con secuestros de persoas ás que lle obrigaban a asinar papeis para que apareceran como doazóns, entre outros. Insistiu en que poucos foron condenados por eses feitos xa que “se apelaba a que os sancionaran internamente disculpándoos polo seu ardor patriótico”.

Incautacións

Sobre as persoas e casos concretos que se viviron na zona de Pontevedra, Álvarez falou da incautación e subastas de bens de comerciantes como Víctor Moldes, os Gama a quen lle inautan os ultramarinos, ou Ramiro Paz. Tamén mencionou entidades afectadas como as da parroquia de Lérez, na que se incautaron tres locais: o teleclube de Xuventude Lerezana, o edificio da Sociedade de Agricultores que estaba onde se ubica hoxe un parque infantil, e tamén a Caixa Rural que agora é o edificio da Farmacia e está en mans privadas.

Contou Álvarez tamén como despois de condenado e executado Ramiro Paz, incautáronlle a súa imprenta, que foi sacada a subasta xunto a outro negocio, un surtidor de gasolina. Insistiu que en casos como o seu as familias, sobre todo as mulleres, eran as que máis sufrían, porque ademais de perder ao seu familiar que moitas veces era a única fonte de sustento económico, aínda por riba tiñan que facer fronte ás sancións e incautacións. “A sanción non se esgotaba coa morte da persoa encausada, senón que era herdada pola familia, que tiña que facer fronte á extensión da culpa. Iso levou a que moitas destas familias tiveran que dedicarse a actividades como o pequeno estraperlo de subsistencia para poder saír adiante”, subliñou.