Cando os fascitas puideron ter provocado unha masacre no bombardeo de Noia
Corría o 25 de xullo do ano 1936. Mentres boa parte de Galicia estaba xa en mans dos militares fascistas e dos falanxistas, a vila de Noia permanecía fiel á República. Ese día, os sublevados decidiron enviar un avión para descargar varias bombas e tentar, deste xeito, provocar a rendición de Noia.
Ese 25 de xullo un hidroavión que, segundo contan as crónicas do momento, chegou sobrevoando Testal, tirou tres artefactos explosivos sobre a vila. Por sorte, o que puido ser unha traxedia quedou en nada.
O primeiro deles caeu na avenida de Galicia, ás portas do antigo restaurante Ceboleiro. Esa bomba, segundo recolle o historiador Xerardo Agrafoxo non estoupou aquel 25 de xullo, por fortuna, porque o local estaba cheo de xente até a bandeira.
Tampouco estalou o artefacto que caeu no Campo da Feira. De detonarse estas dúas bombas, Noia “tería máis de douscentos mortos”, apunta. Si o fixo a terceira, a máis pequena, que explotou sobre a Casa da Agra, inmoble que hoxe alberga o club de xubilados. Pouco despois destes bombardeos, a vila caía en mans franquistas. Pero, antes diso, moitos republicanos noieses embarcaron en barcos, e xunto con xentes de Muros e Carnota acabarían recalando en América.
En 2015, coincidindo coa conmemoración da II República, o goberno de Noia colocou tres placas nestes puntos da vila onde caeron as bombas. Tratábase de tres chapas circulares cunha inscrición: «Bombardeo de Noia, 25 de xullo de 1936». Con elas se trababa de conmemorar e visibilizar este triste episodio da historia de Noia. Hoxe, pouco queda xa desas tres placas. Algunhas, como a da Avenida de Galicia, desapareceu xa un ano despois de ser colocadas.