fbpx
Operario tentan levantar a tapa onde se conserva unha sepultura romana en Donramiro (Lalín) / Antonio Presas

Contratas que “din que non saben” tentan cablear a sepultura romana que se conserva en Lalín

Tempo de lectura: 3 min.

Outra nova case desfeita patrimonial a conta da tan manida explicacións dos operarios de que “nós somos uns mandados”.Este novo atentado contra o patrimonio, abortado por un veciño, tivo lugar o pasado 3 de decembro cando os operarios dunha empresa telefónica que estaba a realizar traballos de cableado de “fibra óptica” na rotonda do Alto de Vales (N-525) tentaron pasar o fío telefónico polo medio dunha sepultura romana, a de Alto dos Vales, en Donramiro, Lalín.

Estes operarios trataban de levantar a pesada tapa de ferro (duns 2 metros de lonxitude por 0,90 metros de ancha) que protexe o monumento funerario para pasar a fibra óptica e foron apercibidos por un veciño da imposibilidade de facer eses traballos tal e como relata o divulgador Antonio Presas. Este lembroulles que necesitan o correspodente permiso municipal. Como resultado desa protesta, non se executou o traballo nese día. Os obreiros manifestaron que eles procedían á colocación dun cable porque a sepultura está cableda e por dentro da mesma xa estaba trazada unha liña. “Así que agora ven a polémica…. pero non vou a entrar nela de momento”, apunta Présas nun fío publicado nas redes sociais.

A finais do ano 2000, cando se traballaba no vaciado do terreo, para constrruir unha rotonda, foi descoberta esta sepultura da época imperial romana, feita a base de tégulas dispostas en forma de tellado. “Ese fora un importante descubrimento, sobre todo porque se realizou unha rápida intervención arqueolóxica que nos permitiu incrementar o fragmentario coñecemento que temos dunha época moi escura neste territorio”, indica Présas. Era a segunda vez que se descobría nese lugar, unha sepultura de época romana, porque hai noticias que indican, que no ano 1880, un veciño de Donramiro, cando traballaba manualmente coa “eixada”, desfixo outra sepultura similar.

Panel explicativo que “Roteiros de Lalín” puxo ao pé da sepultura romana de Alto de Vales, en Donramiro / Antonio Présas

Este mesmo ano 2021, “Roteiros de Lalín” procedeu a colocación dun panel explicativo da sepultura que se conserva vacía, por decisión do goberno municipal, que tivo proxectado realizar unha reconstrución do enterramento e musealizalo ao aire libre. A Asociación de Veciños de Donramiro, tamén, leva presentados varios escritos no concello para que se converta en realidade a importante idea que tivera, anteriormente, o goberno municipal.

Obra paralizada na Pobra

Toda empresa que pretenda realizar un traballo nun monumento arqueolóxico protexido debe de ter licenza municipal e tamén unha autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio. Antonio González Millán, en resposta ao comentario de Antonio Pŕesas, lembra en FB que na Pobra do Caramiñal pretenderon facer algo similar. Pasar un cableado nese caso de tendido aéreo xusto a un metro e medio da Torre de Bermúdez (monumento nacional e BIC). “Ao velos escaleiras en man, cables por paredes de toda a contorna lindante e brigada de operarios a correr, soliciteilles estes permisos e a excusa, “somos una subcontrata de “R” con licencia para hacerlo”. Solicitei a presenza dun responsable de obra… “non estaba”… Así que logo de indicarlles que legalmente non era permisible, como cidadán, saquei fotografía co móbil, pasei polo rexistro do concello e redactei unha denuncia, avisei ao arquitecto técnico municipal e ao xefe de policía municipal, indicando que presentei denuncia, e … en menos dunha hora… desapareceran cables, operarios e nunca mais”, suliña.

Por iso, aconsella a calquera persoa que “non se corte” á hora de denunciar. “Anoto o que esas subcontratas non teñen, violando a legalidade vixente, advertir a operarios … fotografía no intre do que pretenden facer … redactar unha denuncia e presentar o escrito polo rexistro do voso concello … pasar copia no mesmo momento ao servizo de policía municipal e arquitecto … Na Pobra arranxei así felizmente”, indica.

Pode que che interese...