Do Vigo romano, ao Vigo das desfeitas urbanísticas… infiltrados nun free tour
Se lle preguntas a un vigués que é o máis bonito da súa cidade durante o Nadal, dirache primeiro as luces –que lle imos facer– e despois as fantásticas vistas da Ría e das Illas Cíes dende diferentes puntos da cidade. Moi pouca xente nomearache patrimonio de relevancia que se atopa polas rúas da cidade, como moito recoñecerá O Sereo como un punto de interese.
Moitos dos visitantes que se achegan á cidade olívica non profundizan tampouco no patrimonio da cidade, achéganse ás luces como trazas. Pero hai outro tipo de turista que quere saber máis da historia da cidade que visita e, para conseguilo, apúntanse aos famosos “free tours”.
O ensanche e a perda de patrimonio

Edificio O Moderno ubicado na Porta do Sol de Vigo / Samuel Pérez
En Vigo, estes comezan na Porta do Sol baixo o Sereo. Preto de 40 persoas, de idade avanzada na súa meirande parte, achegáronse ás 11 do mediodía para recorrer e coñecer as historias que esconde unha das cidades máis importantes de Galicia.
Como en todas estas actividades, o guía comezou explicando brevemente a historia da cidade que comeza na época romana e remata nos anos 60. Da época romana destacouse as salinas romanas que se poden visitar no museo Salinae, no que bastante xente estaba interesada. Loxicamente, O Castro foi outro punto de relevancia no discurso, tanto polo seu patrimonio celta como medieval polo castelo que está no seu cume.
Entón, comeza a descrición dos elementos que os visitantes están a observar. O edificio O Moderno, o edificio Simeón e o teatro AFundación, todos de estilo modernista, foron mencionados non só para contar a historia da cidade durante o século XIX e comezos do XX, senón tamén para narrar a destrución do patrimonio que viviu Vigo durante os anos 60 principalmente.
Esta destrución do patrimonio é unha das mensaxes importantes coas que se queda o turista, xa que moitos dos edificios que se atopan no Casco Vello e no ensanche modernista foron substituídos por edificios que pouco respectan a estética do seu contexto. Construcións que en xeral destacan pola súa fealdade.
Casco Vello “alto”, o esquecido
Tras o teatro AFundación, o percorrido continúa polo casco vello “alto”, casco vello esquecido, o casco vello en mal estado. Un casco vello que alberga dúas figuras do patrimonio tamén esquecidas. O primeiro é o banco de pedra que se atopa na Rúa do Pracer. Unha rúa nomeada así, non por ser un lugar no que nos 80 dominaba a prostitución, senón por ser o emplazamento da Porta do Pracer. A porta de entrada a Vigo para moitos comerciantes, un punto alto no que se podía observar as magníficas vistas da Ría. Neste banco no que os comerciantes esperaban para pagar o imposto preciso para acceder á cidade.

Fortaleza de San Sebastián, Vigo / Samuel Pérez
O outro elemento é a fortaleza de San Sebastián. Esta foi derrubada na súa meirande parte pola contrución do edificio do Concello de Vigo, segundo comentou o guía. Dende alí hai unhas visión perfecta da Ría dende A Guía ata as Illas Cíes, o cal era perfecto para a defensa da cidade no século XVII, sobre todo tendo en conta que non existía o Hotel Gran Bahía de Vigo que entorpece a paisaxe visual da Ría.
Vigo, dende os ataques piratas ata a emigración á América pasando pola Reconquista

Paseo de Afonso XII, Vigo / Samuel Pérez
Antes de entrar no Casco Vello “baixo”, paramos no paseo de Afonso XII. Alí, o guía narra a historia do Olivo de Vigo e dos incendios provocados polo “pirata” inglés Francis Blake. O camiño polo Casco Vello recórdanos a Reconquista de Vigo e a broma do guía sobre a primeira lámpada da cidade que se sitúa na Praza da Constitución e que foi comparada coa tradición de cada nadal das luces LED.
A última parada é no porto de Vigo tras pasar pola rúa dos cesteiros, a Praza Almeida, a Concatedral e a Praza da Pedra. No porto de Vigo repásase a historia máis contemporánea tanto da cidade como a de Galicia: a emigración. A estatua que se atopa fronte a estación marítima representa esta realidade e, a uns poucos metros, atópase outra en lembranza dos soldados que combateron en Cuba e que chegaron a Vigo para ser curados cando rematou a guerra.

Estatua nomeada “Sempre benéfica”, en homenaxe aos repatriados tras a Guerra de Cuba que se atopa na Estación Marítima de Vigo / Samuel Pérez
Os visitantes fóronse máis que satisfeitos co tour. Un tour diferente que fala do bela que pode ser unha cidade tan industrial e dos desastres que se lle fixo ao patrimonio polo mesmo motivo, polo “desarrollismo” industrial. Un tour completo ao que non falta practicamente ningún elemento do patrimonio sen ver ou mencionar.