fbpx
A Península Ibérica nun mapa de Ptolomeo / BNE-blogcatedranaval.com

Galicia ou a Bretaña… Cal é o país dos Oestrimnios?

Tempo de lectura: 2 min.

Ora Maritima, poema escrito no século IV que recolle unha viaxe por mar describe a xeografía da Hispania prerromana. Esta viaxe é datada por moitos historiadores no século VI a.C. e atribúeno a un mariño grego, que rodearía toda a península ibérica para chegar a Masalia (actual Marsella) dende as illas británicas. Pero realmente foi así?

A historiadora e profesora Rosa Brañas destaca nun fragmento dunha das súas clases publicado en Facebook que nesta travesía hai “tantas digresións, interpolacións e nomes descoñecidos, que a súa lectura resulta case incomprensible”.

Na costa atlántica só son recoñecibles os Cinetes e os Cinesios, que habitaban o sur de Portugal principalmente, e o Río Anas, o actual Guadiana. Máis ao norte vivían os Lusitanos e os Draganos, que se ubicarían nunha rexión nomeada Oestrimnis, da que sería parte a actual Galicia.

Aínda así, como comenta Brañas, non podemos asegurar que se trata das nosas terras xa que a descrición xeográfica é “moi confusa, pois parecen misturarse descricións de territorios diferentes cuxa única característica común é a de seren ricos en estaño e ribeiregos do Atlántico“. Polo tanto, o autor do texto podería estar a falar tanto de Galicia como da Península Armoricana, actual Bretaña francesa. Ao seren ambos territorios fisterráns poderían ser confundidos.

Por outra banda, non hai certeza de que os periplos dos fenicios e púnicos, que imitarían a viaxe descrita na Ora Maritima, en busca de metais, chegarían ata as nosas costas e dende aquí comezarían unha travesía por medio do Cantábrico ata acadar a Bretaña francesa. É dicir, non pasarían pola costa cantábrica da península ibérica.

Asimesmo, a toponimia do primeiro tramo polas illas británicas e o noroeste de Francia é recoñecible, mais despois a fantasía cubre o relato e resulta “inverosímil”. Como destaca Brañas, “o periplo atlántico ibérico semella un construto pseudo-xeográfico e pseudo-histórico, destinado a encher con mitos o que se descoñece de feito, como era habitual na xeografía grega arcaica”.

Pode que che interese...