fbpx
Plantel do Atlético de Madrid onde xogaba o futuro espía nazi, Lecube / Yo jugué en el Celta

O espía nazi que xogou para o Celta de Vigo

Tempo de lectura: < 1 min.

Cinco tempadas despois da súa fundación, o Real Club Celta encaraba a 1927-1928 outra vez en competición rexional galega. Ese ano, o clube olívico caera en cuartos de final do Campionato de España e sería subcampión do Campionato Rexional de Galicia, como explica a web Yo jugué en el Celta. Nestes méritos participou, con 25 anos ás costas, o ribadense Juan Gómez de Lecube.

Lecube, comezou a súa carreira na Ximnástica de Torrelavega en Cantabria e no verán de 1927 recala no Celta de Vigo. Xogaba de extremo dereito, casualidades da vida, e fixo unha gran tempada anotando 14 goles en 23 partidos, como. Esta actuación permítelle xogar co Atlético de Madrid en primeira división nas seguintes tempadas.

Co comezo da Guerra Civil, alistouse no bando nacional. Era un simpatizante nazi e admiraba a Hitler, segundo comenta o xornalista Oriol Jové tanto no seu TFG como en varios artigos que escribiu sobre o tema. O ribadense acabou reclutado pola Abwehr, servicio de espionaxe nazi, en Madrid no ano 1941.

Foi enviado a América do Sur e, nunha misión na que tiña que recoller información sobre os movementos de tropas aliadas entre o Pacífico e o Atlántico, foi detido na illa de Trinidade no Caribe. O Goberno británico interceptara as mensaxes cifrados de Lecube, probas incontestables polas que foi encarcerado nun campo de prisioneiros ao sur de Londres.

O que fora extremo dereito do Celta negou todas as acusacións e, ao remate da Segunda Guerra Mundial, o goberno franquista conseguiu trasladalo de volta a España. Lecube trasladouse a Cataluña onde comezou unha nova vida como adestrador de fútbol. Morreu en Barcelona no ano 1966.

Pode que che interese...