fbpx
Santa Clara / foto visit-pontevedra.com

O Museo de Pontevedra: “museo nacional de Galicia” ou “museo dos de Vigo”?

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Pontevedra e a Deputación asinaron este martes, día 14 de decembro, un acordo que permitirá realizar os estudos necesarios no convento de Santa Clara e os seus espazos para comprobar a súa viabilidade á hora de pasar a formar parte do Museo provincial como unha nova extensión deste. Un museo que para o rexedor pontevedrés é o “gran museo nacional de Galicia”, a pesar de existir outro que loita desde hai anos para ter esa categoría; o Museo do Pobo Galego. E que para o líder do PP local será un museo que “decidirán os de Vigo”, en alusión a Carmela Silva e Abel Caballero.

Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, coincidiron en destacar a importancia que ten este acordo para a cidadanía de Pontevedra, pero tamén de toda Galicia. Trátase de facer un “estudo profundo das posibilidades de cara á utilización dos espazos construídos en Santa Clara para o Museo de Pontevedra“, tal e como recolle o xornal Galicia Confidencial.

Se os estudos a realizar achegasen unha valoración positiva do lugar para ser destinado a usos museísticos, o novo espazo do Museo suporía unha ampliación de enorme valor, permitindo que chegue ata os 30.000 metros cadrados. “Estamos a falar de que, o que nós consideramos o museo nacional de Galiciachegue a competir con ser un dos museos máis importantes do Estado español“, sinalou o alcalde de Pontevedra.

Lores agradeceu á Deputación a súa disposición de estudar en profundidade esta opción e a investir o diñeiro necesario para pór en valor o seu museo. Pola súa banda, a presidenta provincial, Carmela Silva, mostrou a súa “felicidade plena” por este primeiro acordo. “Hoxe é un día de inmensa alegría para Pontevedra, pero tamén para todo o conxunto da provincia e, máis aló, é un día de alegría para Galicia, pois o Museo de Pontevedra é o museo provincial máis importante da comunidade”, dixo.

Rexeitamento do PP

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafael Domínguez, expresou este martes o seu rexeitamento á cesión da propiedade de Santa Clara por parte do Concello á Deputación provincial. Domínguez puntualizou que a postura do PP, é favorable á operación de compra por parte do Concello, entendendo que o prezo foi “adecuado” e que esta adquisición “enriquecía o patrimonio” da cidade. Ademais, trasladou o seu apoio para que se incorpore ao Museo pero asegurou estar en contra de “regalarllo á Deputación”.

Unha operación que cualificou como “unha perda inxustificable do patrimonio de todos os pontevedreses” algo que, segundo sinalou, parécelle unha “tomadura de pelo”. “Con esta operación os pontevedreses non poderemos decidir sobre o futuro de Santa Clara. Con esta operación o futuro do convento decidirase en Vigo“, afirmou Domínguez. Vía Galicia Confidencial.

Pode que che interese...