Descobren un dos misterios de Penas de Castelo, un dos castros documentados máis antigos de Galicia
A primeira campaña arqueolóxica en Penas de Castelo que se iniciou o pasado verán segue a deixar resultados únicos e importantes para o coñecemento da Prehistoria en Galicia. As datacións sitúan a construción deste castro na transición entre a Idade de Bronce e a do Ferro, entre os séculos VIII e IX antes da nosa era.
Este xacemento situado no Concello de Pobra do Brollón conta cunha muralla de seis metros de ancho e catro de altura. O seu tamaño, o peculiar sistema construtivo en módulos e a situación en ladeira na que se atopa todo o conxunto mantivo desconcertados aos investigadores.
As análises con Carbono-14 despexaron moitas das incertezas. O xacemento data da transición á Idade do Ferro, polo que nos atopamos ante un dos castros documentados máis antigos de Galicia. A súa temperá construción tamén explica a orixinalidade desta que non resulta comparable aos castros clásicos.

Muralla do castro de Penas do Castelo / Concello de Pobra do Brollón
Un momento histórico practicamente descoñecido
Esta etapa histórica sería a época da construción dos primeiros castros no noroeste peninsular, é dicir, o momento no que as comunidades comezan a asentarse de forma sedentaria no territorio e a facer construcións permanentes en pedra. “Estamos na bisagra entre un mundo de estruturas perecedoiras, máis de camping e un mundo de edificios para durar, máis de aldea”, resume Benito Vilas, director arqueolóxico.
Precisamente este é un dos elementos máis interesantes do xacemento, xa que máis alá do local, gaña interese científico por tratarse dun período histórico no noroeste peninsular moi descoñecido a nivel de investigación. Penas do Castelo pode contribuír a entender as dinámicas que provocan a sedentarización das comunidades e as tensións territoriais que isto provoca.
A situación do castro
Neste marco, a situación do xacemento non semella casual xa que se atopa nun territorio de coñecida riqueza mineral. Naquel momento, certos minerais como o ferro serían estratéxicos e o control da súa extracción e comercio, fundamental para as comunidades. “Sospeitamos que este feito pode estar detrás da localización tan atípica, en ladeira, ou do extraordinario tamaño das murallas”, comentan dende o equipo.