Así era a casa “Misa da Alba” de Ourense, unha reliquia medieval derrubada
A casa medieval “Misa da Alba” era unha das reliquias da arte medieval galega en Ourense. Construída entre os séculos XIII-XIV, dela falou Manuel Murguía no seu libro Galicia cando trata as casas antigas da cidade ourensá. Pouco tempo despois, en 1892, sería derrubada, sen deixar moitas pistas da súa historia.
Si se coñece que o edificio, que se situaba na actual Plaza do Ferro, chegou a ser sede da Cofraría Relixiosa que se encargaba da primeira misa do día que se oficiaba na Catedral de Ourense coa alba do día, de aí o seu nome. Esta casa medieval de catro plantas de altura pertenceu a xente poderosa da cidade: nobreza e clero. O Conde de Taboada e o bispo Yañez de Noboa foron algúns dos seus propietarios xunto ao Conde de Maceda e os seus descendentes.
“Misa da Alba” era unha casa de estilo gótico centroeuropeo, de potentes perpiaños. Como describe o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG, que desenvolveu unha restitución 3D), esta arquitectura medieval “tiña un alto e desenvolvido frontis, con portas e fiestras románicas e oxivais, tellado a dúas aguas, con aposentos abovedados e torre”. Xusto destas características son as que utiliza Manuel Murguía para definir este edificio civil como “unha reliquia da arte medieval”. Ademais, a fachada contaría con 12 metro de longo e sobre 20 metros de altura.