Un grupo de investigadores liderados por Helle Vandkilde, arqueóloga da Universidade de Aarhus (Dinamarca) acaba de revolucionar o mundo da historia viquinga. Nunha investigación sobre os cascos atopados Viksø (ou Veksø) no leste de Dinamarca en 1942 e que posuían unha especie de cornos ou antenas en bronce, determinou que a época dos mesmos non ten nada que ver coa dos guerreiros nórdicos. Precisamente, estes cascos acrecentaron a iconografía contemporánea de asociar aos viquingos con cascos de cornos.
Tal e como recolle o National Geographic, o equipo usou métodos de radiocarbono para datar un tapón de alcatrán de bidueiro nun dos cornos. Todo iso iniciou en 2019 cando un dos colegas de Vandkilde descubriu o alcatrán de bidueiro nun dos cornos cando tomaba novas fotografías dos cascos no Museo Nacional de Dinamarca. A nova investigación confirmou que os cascos se depositaron na braña en torno ao ano 900 a. C. (hai case 3.000 anos), moitos séculos antes de que os viquingos dominasen a rexión.
«Durante moitos anos, na cultura popular, a xente asociou os cascos de Viksø cos viquingos», dixo Helle Vandkilde. «Pero en realidade, non ten sentido. O tema dos cornos é da Idade de Bronce e remóntase ao antigo Oriente Próximo». «A tipoloxía é a miúdo un bo primeiro paso, cronoloxicamente falando, pero é moi importante cando podemos ter datas absolutas, como podemos co carbono 14», dixo Vandkilde.

Cascos atopados Viksø (ou Veksø), en Dinamarca, que son de hai 3.000 anos / NG