Descubertos un castro e unha mámoa nunha zona que será acondicionada como área recreativa
Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar dous novos xacementos arqueolóxicos sen catalogar no concello de Friol, ambos preto da aldea do Carballal, na parroquia de Vilalvite.
O primeiro trátase dunha mámoa situada a 480 metros de altitude. Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e 1,2 de altura. No centro do túmulo vese un cráter de violación aberto para buscar inexistentes tesouros. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos, no período Neolítico.
A 200 metros da anterior localizamos un castro da Idade do Ferro. Chama a atención que estea sen catalogar xa que aínda conserva o evocativo topónimo de A Castronela. Erixido a 476 metros de altitude, presenta forma ovalada, cunhas medidas de 90 por 75 metros. Conserva parte do sistema defensivo en todo o seu perímetro.

Mámoa atopada en Vilalvite, Friol / Patrimonio dos Ancares
Segundo noticia aparecida en La Voz de Galicia do pasado 30 de decembro de 2021, o Concello de Friol e a Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio para o acondicionamento dunha área recreativa situada entre a mámoa e o castro. Por isto imos a poñernos en contacto coas dúas administracións para comunicarlles estes novos achados que serían un valor engadido para a zona, solicitándolles que os sinalicen.
BIB para o gravado do sol nunha mámoa
As descubertas xa llas comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación. Por outra parte, o gravado coa figura do sol que o pasado mes de maio de 2021 localizamos nun esteo dun dolmen da necrópole funeraria da Costa de Mera, na parroquia de Guldriz, tal e como recolleu Historia de Galicia, despois da comprobación realizada polos arqueólogos de Patrimonio, xa foi documentado. Por posuír esta excepcional representación, escasísima nos enterramentos megalíticos galegos, pasa a ter a consideración de Ben de Interese Cultural.