fbpx
Plano do trazados viarios para o proxecto do ensanche de Palacios / Arquivo gráfico José Luis Pereiro Alonso / Foto: Samuel Pérez

Percorrido pola caótica historia do urbanismo de Vigo: dende o Ensanche ao Plan Palacios

Tempo de lectura: 4 min.

Vigo dende épocas romanas destacou polo seu potencial. Como se demostrou en diversas escavacións arqueolóxicas, daquela as salinas estendíanse dende o actual Areal ata Alcabre. Vigo era un dos mercados de salazón máis importantes. Antes os castros establecéranse en distintos puntos da xeografía.

Fortaleza de San Sebastián, formaba parte do entramado da muralla de Vigo / Samuel Pérez

A comezos do século XVII, a cidade actual máis grande de Galicia subsistía grazas ao comercio e ao privilexio de pesca de sardiña que lle concedera Felipe II. Nesa época, debido aos incesantes ataques ingleses nos que destaca o ataque do “pirata” Francis Drake no 1589 que quemou toda a vila, constrúese a muralla da cidade para protexer aos seus 1500 habitantes.

No século XVIII chegan as primeiras industrias conserveiras da cidade de man da burguesía catalá. Anos de prosperidade para unha vila que en 100 anos acadaría os 7500 habitantes. Polo tanto, comezáronse a establecer núcleos de poboación fóra das murallas.

O ENSACHE, A PRIMEIRA ACCIÓN

No seguinte século o crecemento sería continuo. Vigo chegaría inclusive a ser capital de provincia entre os anos 1821 e 1823. Nesa etapa prodúcense os primeiros plan de ensanche nunha época na que tamén se estaban a levar a cabo no resto de España.

Dez anos antes da capitalidade, atopamos o primeiro plan de ensanche. Este propoñía estender Vigo polo Leste debido á barreira natural que significaba o Castro. Entón, deseñouse un peirao para conectar o ensanche con Vigo e dar acceso á nova poboación.

O primeiro proxecto urbanístico da cidade, que consistía nun conxunto de mazás rectangulares que se atoparían sobre a actual Alameda, nunca se levou a cabo polas loitas políticas da época. A poboación, sen orde algún, seguíuse expandindo máis aló do interior das murallas.

Foi xa no 1837, cando Marcoartú presentou o seu proxecto de construír unha cidade apoiada no mar, “ao igual que as de Bilbao e Santander”. Marcoartú tamén propón estender cara ao Leste o ensanche. Non foi ata 1853 cando se aprobou o proxecto, polo que tivo que ser modificado. Mais neste proceso, tanto as modificacións como o ensanche e as súas 31 mazás foron esquecidas.

As murallas derrubáronse no 1861. Non foi ata 1870 cando García Olloqui herdou o plan que reduciu a catro filas de mazás, das que só se chegaron a construír tres. Vigo tardou 60 anos en levantar o ensanche correspondente ao seu crecemento que é o máis destacable do urbanismo vigués segundo varios arquitectos da cidade.

Teatro AFundación / Samuel Pérez

ARQUITECTURA SI, E URBANISMO?

O final do século XIX e principios do século XX é a etapa dourada da arquitectura en Vigo. O eclecticismo e o modernismo que se observan en edificios como o Teatro AFundación, o edificio Moderno, o Simeon, o Hotel Continental, o Gran Café Colón ou o Rubira, son de extrema calidade. Aínda así, os tres últimos foron derruídos nos anos 60.

Esta é a época de grandes arquitectos na cidade: Pacewitz, Jenaro de la Fuente e Antonio Palacios, entre eles. Aínda así, agás este último, a maior parte dos profesionais que traballaban daquela en Vigo non se preocuparon especialmente polo urbanismo. Vigo seguía sen ter un proxecto de cidade ata que chegou o Plan Palacios.

O PLAN PALACIOS

O “construtor de Madrid” coñecía Vigo e a súa influencia metropolitana. Era do Porriño e xa a comezos do século XX as redes da cidade olívica que contaba entón con máis de 60000 habitantes coas incorporacións da vila de Bouzas e, máis tarde, de Lavadores.

Esta influencia tradúcese no seu plan. O Plan Palacios era máis que un proxecto para Vigo, conectaba toda a área metropolitana. Segundo o arquitecto afincado na cidade olívica Martín Curty, isto é o máis destacable e aproveitable do plan.

O plan Palacios, tratado sempre con agarimo pola historia viguesa, foi pensado nunha época de total caos urbanístico. Como comenta a xa arquitecta Alba Estévez no seu aplaudido TFG, o desenvolvemento de Vigo era totalmente anárquico. A causa é a verdadeira constante no urbanismo de Vigo: a especulación da iniciativa privada protexida polo Concello.

Maqueta do Plan Palacios desenvolta por alumnos do IES Politécnico de Vigo / Samuel Pérez

Palacios xa presentara un Anteproxecto en 1919, pero non foi ata 1932 cando foi presentado o proxecto nunha presentación cunha maqueta que sería perdida pola propia administración municipal durante o “desarrollismo” e restaurada polo Centro Infográfico Avanzado de Galicia para a exposición do Museo do Mar.

Un dos textos escritos polo historiador da USC e comisario da exposición sobre este plan no Museo do Mar de Vigo, Jesús Sánchez García, explica á perfección porque este plan non foi finalmente aceptado: “o arrasamento de boa parte do tecido urbano para abrir a gran avenida da rúa Galicia (…) foi finalmente o argumento principal para deixar o proxecto sen efecto”. Esta Rúa arrasaría con todo o Casco Vello. Coa caída do Plan Palacio, Vigo quedaría en mans da especulación privada e do exceso urbanístico

Pode que che interese...