fbpx
Recreación dun guerreiro vasco ou vascón / leyendadelosmirdalirs.es

Os vascos, un pobo que naceu de mulleres autóctonas con mercenarios escotos, cornualleses e nubios?

Tempo de lectura: 2 min.

José María Anguita Jaén –profesor e investigador medievalista do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana na Facultade de Humanidades da USC (Campus de Lugo)– situou a primeira etnoxénese vasca coñecida no relato ‘Iulius Caesar ut traditur’, recollido no Códice Calixtino.

Así o conclúe no artigo que vén de publicar no Anuario de Estudos Medievais, unha publicación do CSIC que está considerada como a de maior impacto nesta etapa histórica, tal e como recolle o Galicia Confidencial. Este investigador da USC data en 1136 o texto escrito baixo o epígrafe ‘Iulius Caesar ut traditur’ e atribúe a súa autoría ao monxe benedictino Aymeric Picaud, a quen apunta, así mesmo, como posible autor deste magno códice do século XII.

Á marxe das pescudas máis globais do Codex Calixtinus, Anguita Jaen outorga validez no seu artigo ás “ideas absurdas” plasmadas no relato ‘Iulius Caesar ut traditur’, unha narración breve e que, “de sempre” foi rexeitada pola crítica, na que explica a orixe dos vasos como un genus mixtum, froito da “unión de mulleres autóctonas con mercenarios romanos de distintas étnias” (escotos, cornualleses e nubios), que o propio Xullo César enviou a Hispania co obxectivo de someter á poboación ao pago de tributos.

Anguita Xaén sostén, así mesmo, que este relato constitúa a primeira etnoxénese sobre a orixe dos vascos e data a súa escritura varios séculos antes das narracións aceptadas polos primeiros historiadores do señorío de Biscaia, tales como son Barcelos e García Salazar.

TEORÍAS VASCO IBERISMO

O investigador da USC sospeita, ademais, que a narrativa deste texto, cuxo ton e contido podía responder a conflitos prebélicos ou intereses dispares entre o Ducado de Aquitania e o señorío de Biscaia, sostén os elementos que deron lugar ás teorías do vasco-iberismo e o vasco-cantabrismo de Garibay, xa no século XVII.

Máis aló destas consideracións, José María Anguita entende que esta narrativa calixtina tamén pode erixirse en primeira testemuña absoluta dalgúns motivos recolleitos por Jiménez de Rada ou Alfonso X nas etnoxéneses ibéricas incluídas nas súas Historias de España e, máis curioso, doutros inmortalizados un século máis tarde no Poema de Fernán González.

Así mesmo, Anguita Jaén tamén pon o foco nalgúns dos elementos nucleares do argumento deste breve texto calixtino están en concordancia perfecta coa teoría da vasconización ou euskaldunización tardía, unha consideración revitalizada nos últimos anos con crecentes datos e argumentos no ámbito da historiografía vasca. Toda a información no Galicia Confidencial.

Pode que che interese...