fbpx
Restos da antiga muralla de Vigo na Porta do Sol / Xornal de Vigo

Que agochan as obras do túnel da Porta do Sol de Vigo que fixo saltar a polémica na cidade?

Tempo de lectura: 2 min.

A construción do túnel que vai conectar o Paseo de Afonso XII coa Rúa Policarpo Sanz en Vigo está a sacar á luz numerosos achados arqueolóxicos. O conxunto do xacemento descuberto ata agora dátase entre o século XVII e o século XIX, cando se constrúe a Rúa Elduayen para conectar a estrada que viña de Pontevedra con Baiona a través da Porta do Sol.

O subsolo desta céntrica vía viguesa está repleto de restos arqueolóxicos, restos das vivendas que se situaban na antiga rúa de Sombrereiros ou da muralla que rodeou Vigo ata 1886. E non só vivendas, senón que tamén poderiamos estar falando dos cimentos da capela da Misericordia.

Aínda así, segundo varios arqueólogos consultados por La Voz, descartan a posibilidade de que se trate desta igrexa construída a finais do século XVI. O arqueólogo Javier Luaces -realizou varias sondaxes na rúa Elduayen durante o ano 2009- comenta que, cando buscou os restos onde eran colocados polos planos, non atopou nada. “Aí rebasaron o substrato da rocha e desapareceron todos os restos“, comenta o arqueólogo en La Voz de Galicia. Ademais, engade que os restos atopados polo momento atópanse bastante lonxe do lugar marcado polos planos.

O ACHADO DUN ANTIGO TÚNEL

O equipo de arqueoloxía das obras do túnel da Porta do Sol atoparon a bóveda dun antigo paso peonil que unía a Rúa Príncipe e os Canos dende finais do século XIX ata os anos 30 do século XX. Agora pódese ver dende a rúa Policarpo Sanz, a pesar dos valos metálicos que procuran tapar a visión da cidadanía.

Como recolle La Voz de Galicia, o portavoz da asociación Vigo Histórico demanda á corporación municipal máis información dos xacementos que están a descubrir nas súas rúas. Ademais, dende a asociación apostan por unha musealización dos restos achados.

O FUTURO DOS RESTOS

Con respecto ao túnel, Abel Caballero declarou que a obra do túnel xa contaba coa aparición do túnel e que dende a Xunta de Galicia aceptaran parte do seu desmantelamento. Os demais restos arqueolóxicos serán expostos a fotogrametría para seren estudades e ver a que corresponden.

Dende o BNG demandan ao alcalde que priorice o estudo dos xacementos. Asimesmo, reclaman información sobre as medidas que van aplicar para “garantir a efectiva protección destes xacementos e que se poidan estudar e investigar a fondo“.

Pode que che interese...