fbpx
Café Derby, en Santiago / remitida

(Vídeo) Así era Compostela a través das vidreiras do mítico Café Derby

Tempo de lectura: 5 min.

A vida dunha sociedade atópase a rúa. Nin os grandes nin os medios de comunicación de masas definen ben a realidade que viven os cidadáns. Os seus pesares, os seus sentimentos, as súas condicións só se ven reflexadas dando un paseo pola rúa e entrando nun bar ou nunha cafetería. Os cafés de principios de século XX eran eses lugares onde se podía definir a unha parte da sociedade. Por iso, a historia de Santiago de Compostela sempre irá ligada co Café Derby.

Dende finais de outubro ata xaneiro, a Casa do Cabido albergou unha exposición sobre a historia deste café histórico que pechou as súas portas por mor da pandemia. Ana Castro, historiadora e taxadora de arte, e Fernando Franjo, xornalista e historiador, foron os encargados de recoller a memoria dos 91 anos do Derby.

O PUNTO DE PARTIDA DA EXPOSICIÓN

Todo comezou co peche do café en xuño de 2020. Entón, Ana Castro foi a taxadora dos mobles do establecemento para logo ser vendidos. Franjo é un apaixonado dos cafés e das súas historias, polo que non tardaron en poñerse en contacto para facer este proxecto. A exposición máis o libro foron a proposta que lle fixeron ao Consorcio de Santiago de Compostela, que aceptou.

Un panel cun eixe cronolóxico da comezo á exposición que ten o obxectivo de “contar a historia de Santiago de Compostela dende o punto de vista do Café Derby”, como comenta Fernando Franjo durante a visita guiada. A fundación do Café Derby deuse xunto a unha exposición no local. Os cidadáns na cidade non lle prognosticaban moito futuro, pero a calidade era exquisita, e “lexítima” como declaraban nos anuncios publicitarios da época.

A DESCOÑECIDA FIGURA DE AVELINO SAN LUIS

Avelino San Luis, que volverá de Cuba con bastantes cartos no peto, tiña o desexo de abrir un café e investiu grandes cantidades de diñeiro para que sucedera. A situación do Café Derby era perfecta, preto da estación de buses e fronte o desaparecido edificio Castromil. Mais a zona estaba repleta por outros cafés. O Derby sobreviviu grazas á magnífica calidade do espazo: todo o interior cuberto de madeira de caoba de Cuba, o mármore de Carrara da barra, as vidreiras… E tamén a excelsa oferta da carta: chocolate con churros, xeados…

Nesta sala, a preferida de Ana, fálase do patrimonio tras a introducción. Nesta sala pódense ver diferentes elementos que se agochaban baixo o teito do Derby. Destaca unha vaixela inglesa de porcelana. O Café Derby destacaba pola súa aposta innovadora e ambiciosa que atraeu a un público de élite, de profesións liberais e, en último termo, a estudantes.

Entón, a comisaria relata un elemento descoñecido do Derby e que descubriron grazas á investigación para o libro. Ademais do café de verán situado na Alameda, o actual edificio modernista da Escola Infantil de Santa Susana, que tiña a marca Derby tamén a tiña un quiosco fronte a estatua de Rosalía na Alameda.

O patrimonio do Café Derby é de tal importancia que o Plan Especial de Protección protexe as súas vidreiras, as portas, os balcóns e as marquesiñas. Aínda así, o mostrador de mármore, os zócalos de caoba e a cornixa que pintou Camilo Díaz Baliño. A protección ao 100% tampouco está garantizada, un exemplo pode ser a vidreira rota por un traballador de limpeza da cidade. Por sorte, e grazas á insistencia de Ana, garantiuse unha verdadeira protección do conxunto.

A CHEGADA DA FAMILIA DOMÍNGUEZ

En 1934, Avelino San Luis abandona o seu proxecto de vida tan só cinco anos despois por culpa da enfermidade. Cambia de dono, polo que nesta nova sala cambiamos de etapa. O camareiro do Derby, Manuel Domínguez, persoa de confianza de Avelino, encárgase do café. O traspaso custoulle 70000 pesetas e o alugueiro do local 460 ao mes, 200 menos dos que pagaba Avelino.

O Café Derby  non pechou durante a Guerra Civil, aínda que si sufriu as consecuencias desta. Victoria Domínguez, neta de Manuel e última propietaria, non lembra a razón, pero obrigáronlle a cambiar o nome por Café Imperial. Este feito era coñecido polos investigadores, ata que descubriron que o nome se mantivo durante a década dos 40 enteira.

Por moito cambio de nome, o Derby seguía ser coñecido como tal. Na exposición podemos apreciar diferentes corte de xornal que se refiren ao Cafe Imperial como “antes Derby”. O nome tamén é patrimonio, e se conservou. A consciencia patrimonial dos Domínguez foi excepcional. Victoria describe o café como “a obra de Avelino”. Ese respecto é igual por parte dos camareiros.

Nesta mesma sala destaca un libro de coctelería, un libro de Perico Chicote adicado á familia Domínguez e que foi referencia para a elaboración de cócteles durante bastante tempo. O Derby, como se pode intuír traballaba todo o día, dende o almorzo ara as copas da noite.

AS MULLERES DO DERBY

O papel da muller tamén foi bastante relevante, como explica un panel e Ana Castro no seu comentario do tour. Estamos en anos onde a muller non puido consumir no café ata os anos 50. Mentres, as mulleres das familias San Luis e Domínguez estaban no sótano, onde se cociñaba. Curiosamente, dende esa primeira etapa, mudaron tanto as condicións que no 1989 unha muller, como Victoria Domínguez, herdou o establecemento.

As mulleres asiduas ao café adoitaban xogar ao parchís, mentres os homes ao xadrez. Segundo narran os comisarios, unha testemuña da época nunha das súas guías, contoulles que tamén se ía ligar ao Derby. A pesar de non poder sentarte xunto ao teu mozo, trataban de sentarse fronte a eles para facerlles sinais e xestos. As ventás eran tamén outro atractivo para deixarse ver e atopar o amor.

UN CAFÉ ILUSTRADO E INNOVADOR

Quen tamén se sentaba a carón das ventás e, podía haber problemas se non atopaba a súa mesa baleira, era Valle-Inclán. Durante os últimos anos da súa vida era cliente habitual do café polo ambiente tranquilo, sen música nin bullicio do Derby fronte a outros cafés da época.

Nos anos 60 volve entrar unha nova progresía relacionada coa universidade que revive ao café durante pouco máis que unha década. Nese momento, chegaron a poñer unha das primeiras televisións nun establecemento público en Santiago de Compostela. Xusto nesta etapa é cando máis mulleres fanse clientes do Derby. A innovación dentro da conservación era continua, ata facían anuncios en inglés nesta década.

Chegamos á última sala antes dun vídeo final de cinco minutos nos que falan os comisarios, Victoria e unha neta de Avelino San Luis. Alí, atopamos un panel sobre os protagonistas do café: os camareiros. Eles lembran moitas historias e, aínda  día de hoxe, moitos dos pedidos habituais.

PECHE

Durante o último ano houbo moitas novas arredor do futuro deste histórico café. Finalmente vaise facer cargo Estrella Galicia, segundo informaron os medios en xuño do pasado ano. Como comenta Fernando, abren e pechan a exposición coas mesmas incógnitas, xa que non teñen idea de como nin cando abrirá o novo bar que propuxeron, e, o máis importante, como se conservarán as importantes pezas patrimoniais que se atopan sen uso no establecemento.

A EXPOSICIÓN MANTENSE VIVA

O éxito do proxecto que presentaron ao Consorcio Fernando Franjo e Ana Castro e incontestable. Ademais de ampliación da data límite e de facer máis visitas das esperadas na Casa do Cabido, agora transmitirán a historia do Café Derby polo centros socioculturais de Santiago de Compostela para achegar este café referente os máis maiores. Tanto ao café Derby, como a exposición, manteranse con vida nos próximos meses.

Pode que che interese...