A fotógrafa Ruth Mathilda Anderson e a súa paixón por Rosalía de Castro
Ruth Mathilda Anderson é recoñecida pola súa faceta como fotógrafa documentalista da etnografía galega durante as primeiras décadas do século XX. A investigadora Alba Rodríguez Saavedra descubriu unha faceta máis descoñecida e interesante: tradutora de Rosalía de Castro.
“A fotógrafa realizou o maior número de traducións ao inglés de textos da poeta recollidos nunha soa publicación antes de 1964″, sinala Rodríguez, como recolle Cultura Galega. Este descubrimento foi publicado na revista de tradución Viceversa da Universidade de Vigo.
Os poemas foron traducidos como paratextos no libro Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, editado en Nova York durante o último ano da Guerra Civil, en 1939. Como o libro non tivo distribución en España, “o sistema galego ficou alleo ás achegas de Anderson durante oitenta anos”.
A fotógrafa “aprendeu galego para traducilos e sabemos con certeza que non contaron co castelán como lingua intermedia, como si veu acontecemendo na maior parte dos casos, mesmo ata etapas ben recentes”. Ademais, a investigadora destaca a elección dos poemas por parte de Anderson: “Gallegan Provinces desbarata o retrato costumista, vitimista e laiante de Rosalía, promocionado polo canon e revela unha poeta con ansias de liberdade e claro posicionamento feminista“. Máis información en: culturagalega.gal.