fbpx
O Puzo do Lago, paisaxe de interese natural local en Maside / Nieves Amado Rolán vía Facebook

A mina romana que 2000 anos máis tarde é unha paisaxe de interese natural

Tempo de lectura: < 1 min.

O paso dos romanos por Galicia deixou grandes pegadas. Ourense foi unha provincia moi aproveitada polos romanos, en especial polo ouro. As minas de ouro romanas marcaron a actual paisaxe de moitas zonas, como por exemplo o Puzo do Lago-A Grova en Maside.

Como comenta a arqueóloga Nieves Amado Rolán no seu Facebook, “son as nosas médulas en pequeno, cunha lagoa artificial produto das labouras mineiras de fai 2.000 anos para extraer ouro“. Hoxe, esta paisaxe declarada de interese natural no ano 2014, é un “reduto de todo tipo de aves e anfibios”.

A beleza desta paisaxe natural que fora modificada polo romanos é tal que foi mencionada por Emilia Pardo Bazán nunha das súas obras, “O Cisne de Vilamorta”. Nese texto, recollía a lenda do lago que ten relación co paso da Virxe e San Xosé pola zona. Dise que o lago non ten fondo e que agocha nel unha antiga cidade.

A pesar de ser declarado de interese natural, o Puzo do Lago non está aínda perfectamente coidado, interpretado, divulgado nin valorado. Segundo comenta Nieves Amado, as instalacións deportivas e de lecer actuais ao seu redor e mesmo dentro da mina, están desvirtuando o seu valor natural, histórico e arqueolóxico.

Pode que che interese...