Coñece Meirande, o museo agochado que conta a maior batalla naval de Galicia
A batalla de Rande é o enfrontamento máis importante que ocorreu en Galicia durante a Guerra de Sucesión ao trono español. A Ría de Vigo foi testemuña en 1702 dunha batalla que deixou no fondo das súas augas un gran tesouro que, polo momento, non foi atopado, nin polos cazatesouros nin polos arqueólogos.
Para conmemorar e explicar esta batalla histórica construíuse Meirande, un museo agochado practicamente baixo o ponte de Rande. É unha das grandes perlas museísticas galegas esquecidas polo gran público. Quizais ten que ver a pobre sinalización de Meirande no seu camiño, ou o seu difícil acceso.
Hoxe é un domingo chuvioso e achegámonos a este Centro de Interpretación da Batalla de Rande pola mañá. Os fines de semana abren tanto pola tarde como pola mañá, de martes a venres só pola tarde agás cando teñen algunha visita concertada por algún colexio. O bus das crianzas supoño que se quedará na estrada nacional, baixar ata o nivel do mar onde se sitúa o museo é bastante complexo.
O aparcadoiro consta de cinco coches contados fronte a parte da Ría de Vigo máis esquecida, o fondo, a ría máis alá do ponte de Rande. Alí, á beira do mar, está a antiga fábrica do Alemán. Esta abandonada conserveira do século XX foi restaurada para incluír este museo. Así é como se debe tratar ao noso patrimonio industrial.

Os canóns recreados para Meirande / Samuel Pérez
COMEZO DA VISITA
O conxunto consta con seis naves coa súa propia temática dentro da Batalla de Rande, o fío condutor. Nada máis entrar por recepción, a nave central, recíbenos a traballadora do museo que, de forma moi persoal, convidounos a ver un pequeno documental sobre o feito histórico de dez minutos. Ao ser a nosa primeira vez, dixo que era o mellor. Esta peza audiovisual fixo que dúas persoas que entraron á vez mostraran un maior interese pola batalla e as súas causas e consecuencias.
A sala de visionado é a primeira parada, a segunda sala consta dunha parte central cun pequeno “acuario” de reliquias arqueolóxicas. Entón, Meirande propón un xogo que consiste na identificación dos diferentes elementos que se atopan nos traballos arqueolóxicos subacuáticos como moedas, restos de madeira ou vaixela. Ao redor deste “acuario de reliquias”, hai diferentes paneis que explican esta rama da arqueoloxía, que é a causante dos descubrimentos e dos datos materiais sobre a Batalla de Rande, dunha forma moi xeral.
Volvemos pasar por diante da recepción para pasar á outra á do museo. Xusto nese momento entra outra familia, un pai con dous fillos. O museo non é moi concorrido, non hai grandes grupos de persoas. Nese momento, nas instalacións do centro habería un total de dez persoas. O día gris, frío e chuvioso tampouco invitaba a persoas de Vigo, Redondela, Chapela ou Arcade a visitar o museo.
O CONTEXTO

Recreación das fragatas que participaron na Batalla de Rande nunha das salas de Meirande / Samuel Pérez
Na terceira sala faise un repaso da vida dos cidadáns que habitaban a Ría de Vigo e, en especial, de Redondela. A vila estaba dividida entón en dúas partes: Vilavella e Vilanova, o actual centro. Na época, como explica un dos paneis, prodúcese unha forte crise de abastecemento que provocou a emigración dos habitantes da comarca.
O contexto da zona é completado cunha explicación dos grandes perigos e ataques aos que se enfrontaron estes galegos dende sempre. Un panel describe de forma breve como vikingos, ingleses, almanzores ou piratas turcos atacaron e saquearon as costas galegas. Isto faise a través dunhas ilustracións algo infantís que, como se confirmará máis tarde, é o usual xa que nos atopamos ante un museo destinado ás familias.
Esta sala inclúe ademais a recreación dos diversos navíos que participaron na guerra. Navíos de liña, pataches, brulotes, fragatas son descritas nun dos textos. Ademais, móstranos o poder naval das frotas inglesas que explican fundamentalmente a súa vitoria, a pesares de que non se puideron levar ás Illas Británicas a meirande parte do seu botín, que foi supostamente afundido.
UN MUSEO PARA OS MÁIS PEQUENOS

Recreación do camarote do capitán dunha fragata da época da Batalla de Rande / Samuel Pérez
Agora chega a parte máis atractiva para as crianzas, xa que nos entramos de cheo no camarote de capitán dun dos barcos. Unha mesa, unha cama, a vestimenta dun dos tripulantes e dous cadros animados que narran a historia de dúas das personaxes involucradas na batalla, un deles o conde de Valadares. A recreación dos canóns tamén atrapa as miradas dos visitantes polo xogo de espellos que provoca un efecto no que semella que hai un número infinitos de canóns.
Chegamos á última sala. O protagonismo volve a levalo unha recreación dunha adega dunha das fragatas que participaron na batalla. Nela faise un repaso dos materiais que se transportaban dende América. Madeiras de caoba, prata e sementes xunto cunha explicación dos rangos nun destes navíos transoceánicos son presentados nesta forma. A divulgación destaca en todos estes elementos grazas a unha serie de xogos. Un deles explica a cantidade de alimentos que precisaban os tripulantes para sobrevivir ás expedicións, que duraban sobre 14 días.
Estes xogos fan que o museo sexa dirixido para familias. Por suposto, tamén é un museo que recibe moitas visitas de colexios de educación primaria. De feito, estas visitas fanse pola mañá cando o recinto está pechado ao público xeral de martes a venres. Antes da Covid abría durante co mesmo horario de mañá e tarde que os fines de semana, pero os visitantes diminuíron e ese tramo horario foi pechado.

O “cargadoiro do Alemán” dende Meirande / Samuel Pérez
A FÁBRICA DO ALEMÁN
O museo está situado na antiga “fábrica do Alemán”, que tamén se explica a súa historia. Esta antiga conserveira é coñecida así pola pegada dun dos seus últimos propietarios, o alemán Otto Gerdtzen. Otto mercouna en 1944, durante a Segunda Guerra Mundial. As súas liñas de produción, tanto a salga do peixe como a conserva compartiron as instalacións. En 1955 rematou a súa actividade e quedou abandonada ata que en 2007 restaurouse para construír o Meirande.
Este detalle cara ao patrimonio industrial característico da Ría de Vigo fai que a visita teña un valor engadido. Asimesmo, as vistas inmellorables da Ponte de Rande, da ensenada da Ría de Vigo e do “cargadeiro do Alemán”, que abastecía de ferro e wolframio aos estado alemán na I Guerra Mundial e aos nazis na primeira etapa da II Guerra Mundial.