fbpx
A Torre de Fornelos e a súa contorna / Turismo Rías Baixas

Declarada BIC a torre medieval contra a que batallaron portugueses, irmandiños e bispos

Tempo de lectura: < 1 min.

A Xunta de Galicia vén de inscribir a torre de Fornelos, situada no lugar de Lameiro en Crecente (Pontevedra), no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC). Desta forma, a esta torre datada do século XII recoñéceselle o seu réxime de protección patrimonial.

A primeira referencia escrita data do ano 1158. A súa situación, no límite con Portugal, provocou que fose escenario de grandes batallas como as que mantivo Alfonso VII contra o seu primo Alfonso Enríquez, rei de Portugal. Máis tarde, no século XVI, tiveron protagonismo os Irmandiños.

Foi reconstruída por Pedro Madruga, quen mantería alí grandes enfrontamentos contra o Bispo de Tui, Diego de Muros. Máis adiante, a torre foi doada por Sancho I de Portugal a Aldonza Vázquez de Fornelos e Fernán Pérez Castro fundadores da Casa Fornelos.

Na resolución para considerar como BIC á Torre de Fornelos valórase a súa importancia cultural, tanto polo tipo de arquitectura que representa como pola súa relación coa fortificación da fronteira xa que a súa situación permitía exercer control na contorna.

A ARQUITECTURA

A torre de Fornelos atópase xunto ao encoro de Frieira, a beiras do río Ribadil, nun outeiro que condicionou a súa estrutura e as diferentes alturas que presenta. Así a fachada oeste, onde se sitúa a porta de entrada, presenta unha altura menor que o resto dos alzados. Trátase dunha torre de planta cuadrangular que podería corresponder a unha torre de homenaxe que formaría parte dun conxunto moito máis amplo.

Da estrutura interior do edificio non queda ningún resto, pero existen algúns sinais, como os apoios das vigas de madeira, as xanelas e seteiras ao exterior, que permiten identificar a súa configuración arquitectónica orixinal, composta, probablemente, por catro pisos e un soto.

Pode que che interese...