fbpx
Letrina da Tulla de Fufián / Antonio Presas

O castiñeiro que naceu grazas á “merda” da letrina dunha torre medieval

Tempo de lectura: < 1 min.

Nunha das paredes da Tulla medieval de Fafián pódese observar unha letrina da época. Curiosamente, baixo dela atópase un castiñeiro que se relaciona co “abono natural” da letrina deste edificio que na actualidade conserva a escaleira, dúas ventás de dobre arco e tres dos catro laterais.

Que foi antes o castiñeiro ou a letrina? Esta foi a pregunta que se fixo o divulgador Antonio Presas, que elaborou a súa propia teoría. Segundo Presas, “o lóxico” é que se construíra primeiro a torre, a súa letrina e o resto do pazo dos Condes de Maceda. O castiñeiro, que creceu de forma exponencial grazas os excrementos que saían da letrina, non podería estar alí antes que a torre que se atopa Rodeiro posto que sería “un estorbo para os canteiros”.

Asimesmo, este vello castiñeiro nado de excrementos humanos podería aportar información sobre as condicións ambientais da época e, sobre todo, saber con bastante precisión por canto tempo estivo habitada a torre. O estudo dos aneis de crecemento da árbore sería o que facilitaría todos estes datos.

A construción de letrinas nas torres dos pazos señoriais galegos era algo habitual. Nestas torres era onde habitualmente vivían os señores ou os propietarios. Como comenta Antonio Presas nunha publicación de Facebook, estas letrinas medievais non se poden confundir cos “matacáns”, que tiñan unha función defensiva.

Pode que che interese...