fbpx

Vicente Risco, por Laxeiro

Tempo de lectura: 8 min.

Laxeiro é coñecido polas súas pinturas centradas en mitos, celebracións populares ou retratos. Trátase de xéneros amplamente traballados na Historia. Quixo que a súa pintura fose próxima ás texturas, volumes e expresividade da pedra. Acaso o seu propio nome -Laxeiro- non fai referencia ao pétreo por laxe? Qué mellor definición para un estilo caracterizado por tons escuros, como os do granito antigo? De figuras de ollos tan grandes que case son mais da metade dos rostros? De corpos sólidos, rotundos, perfilados de forma esencial, en composicións nas que prima un moi barroco horror vacui?

Pero ademais existe un espírito. Existe algo instintivo na pintura de Laxeiro. Instintivo en canto a unha expresividade libre, que tanto transmite euforia como conmoción. Nese sentido o seu estilo é do mais axeitado na procura dunha forma que transmita vida, carácter, no seu estado mais primixenio. No seu caso existe unha simbiose entre a súa personalidade artística e a atmósfera na que se inspiraba. Nunha ocasión dixéronlle “Se ha dicho que un cuadro es una superficie cubierta de colores. ¿Podría definirnos en una frase, que es ante todo para Ud. un cuadro? ”

A súa resposta foi “a espresión do temperamento”. E este é o ideal co que o artista retratou unha figura capital da arte galega: Vicente Risco.

No centro: Laxeiro, sentado fronte ao seu lenzo “Nenos xogando” (1967). Fundación Laxeiro, Vigo. A fotografía foi tomada en 1968 no seu taller en Buenos Aires. O lenzo, propiedade do Concello de Vigo, está exposto no Museo Quiñones de León.

Na vellez Risco posou para Laxeiro. A diferenza de moitos outros retratos del aparece de fronte e non de perfil. Isto resulta interesante en canto que, por unha vez, o artista non se mostra interesado en aproveitar o físico para escoller os elementos físicos mais destacados. En todo caso concéntrase no rostro para tratar de captar a alma deste home, “moi orixinal, moi persoal” dixo del Carballo Calero. Certamente Laxeiro soubo ver e plasmar un aspecto que non adoita aparecer na maior parte das súas imaxes. Nunha recente conversa con Acisclo Manzano, membro dos Artistiñas, ao preguntarlle por Risco respondeume que era unha persoa sensible e moi xenerosa. Este escultor definiuno cunha frase curta pero resolta: “Risco era un padre”. Tendo en conta a carreira intelectual de Risco, resulta mais que coherente que fora un dos Renovadores quen se encargara de retratalo nese intre da súa vida.

A Arte sempre fora motivo de afirmación, coñecemento e ledicia para Risco. Era un dos seus temas mais queridos, e motivo de constante aprendizaxe. O interese nos novos movementos (e o seu espallamento) era para el algo primordial na vida. Non só por unha cuestión de educación, formación e cultura senón polo que tiñan de sintomáticos. É lendario o seu vínculo coas Vangardas Históricas, coas que fixo pedagoxía en ligazón á arte e á sociedade galega. El deu a interpretación de todo o novo que a cultura galega podía -debía- dar ao mundo dende a súa orixinalidade, a súa herdanza histórica, a atmosfera da súa natureza, o seu espirito e o extraordinario que descansa nas festas, os relatos e os mitos. Un dos maiores exemplos disto é o seu artigo Cosmopolitismo e universalismo publicado en A Nosa Terra o 25 de Agosto de 1919.

No centro: A notable disertación de Vicente Risco. Arte nova. Primeira plana de A Nosa Terra, 20 de marzo de 1920. Real Academia Galega – Biblioteca.

Os nacentes estilos, os artistas que os compoñían, traían consigo unha emancipación do espírito que constituía un progreso para a Humanidade. Dende 1909 os seus artigos e mais escritos concentráronse nesta temática. Preludio a toda estética futura (1917-1918) e sobre todo a conferencia Arte Nova (1920) viñeron a introducir movementos como o Simbolismo, Decadentismo, Impresionismo, Post-Impresionismo, Cubismo (sobre todo Picasso), Expresionismo, Orfismo ou Sincretismo, por non falar da teoría da caricatura identificada dende a pintura flamenca. O mesmo sucede coa relación cos artistas: o mais célebre é Castelao, e era un admirador de Imeldo Corral e Francisco Asorey. Pero tamén tiña un forte vínculo con Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Luís Huici, Prieto Nespereira e Cándido Fernández Mazas. Artistas que tamén se ocuparon de facer o seu retrato. Algo que igualmente se traduciu na estética da revista Nós (1920-1935).

No centro: Retrato de Vicente Risco. Luis Huici. Técnica: Tinta negra sobre papel. Fundación Vicente Risco, Allariz. O artista apuntou baixo a figura as seguintes verbas: “Homes pequenos, corazós grandes”.

Foi nesta revista onde, especialmente a partir de 1930, empezaron a verse motivos e láminas realizadas por artistas como Colmeiro, Maside ou Seoane. Mais que vir a apartar o catálogo de detalles incluídos na década dos 20, estes novos creadores foron incluídos ata amplificar o aspecto estilístico da publicación. Algo que tería continuado de non ser porque o 18 de Xulio de 1936 o inicio da Guerra Civil levou o peche de Nós. Risco non se apartou do que significaran -e significaban- estes artistas tan apreciados por el. Tanto foi así que en plena Guerra Civil fíxose co álbum Galicia Mártir (1937) de Castelao. A súa admiración por eles nunca caeu, ata o punto de que na medida que podía facíase con aquelas publicacións que falaran dos creadores que el vira nacer como artistas de recoñecido prestixio e figuras públicas. Así na súa biblioteca é posible atopar os libros Carlos Maside (de Álvaro Cunqueiro e Ricardo García Suárez, publicado por Galaxia en 1954), Manuel Colmeiro (Antonio Bonet Correa, Galaxia, 1954), Luís Seoane (Daniel García-Sabell, Galaxia, 1954) e Xosé Eiroa (Luís Seoane, Galaxia, 1954). Tamén contaba co libro Laxeiro, escrito por José Ruibal e publicado por Cuadernos de Arte Gallego (Pontevedra) en 1951.

No centro: Vicente Risco na conferencia Galicia y la revolución estética. 1961. Risco aparece detrás co cadro Noalla (1961), de Xaime Quessada. Este óleo sobre lenzo, que conta cunhas dimensións de 122 x 180 cm, está exposta actualmente na Colección Afundación de Vigo. Cedida amablemente por Antón Santamarina.

No momento no que Laxeiro retratou a Risco, este home era o epicentro dun grupo de artistas moi novos en Ourense. Foi el quen lles deu -con agarimo- o nome de Artistiñas, composto principalmente por Virxilio Fernández (pintor), Xaime Quesada (pintor, ilustrador e escenógrafo), Xosé Luís de Dios (pintor), Acisclo Manzano (escultor) e Manuel García de Buciños (escultor), todos eles incluídos no ámbito vangardista. A maneira na que o pintor plasmou a Risco cristaliza as verbas coas que Manzano definira a Risco. O retrato está concentrado no rostro e recolle parte dos ombreiros, omitindo calquera referencia de fondo. Laxeiro non incluíu cor, co cal está ausente o ton azul claro dos ollos, o negro xa con vetas grises do cabelo e a pel clara que era característica de Risco. Pero a súa ollada segue sendo tan penetrante e atenta como cando era novo. De feito é o centro da obra.

No centro: Retrato de Vicente Risco. Laxeiro. Técnica: Carboncillo sobre papel. Fundación Vicente Risco, Allariz. Abaixo: Vicente Risco no Congreso sobre Etnografía de Braga en 1956. Risco aparece sentado a carón de Xocas e Ángel del Castillo. Nestas décadas Risco publicara títulos como Mitoloxía popular galega a partir do seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos, Notas en col do culto do lume na Galiza (Sociedade Martín Sarmiento Guimaraes, Guimaraes, 1933) ou Os “nubeiros” o tempestarios de Galicia. (Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 1943).

Existe nela unha impresión de bondade. Os ollos móstranse claros, observadores, esquivando as consecuencias dunha severa miopía. (Nesta etapa da súa vida Risco, que medira 1´70 cm, pasara a ser un home de menor estatura sendo o seu rostro o aspecto mais recoñecible del). O nariz vese en proporción o rostro e a boca, que era bastante ancha, descansa nun sorriso silencioso. A liña do rostro cadrado vese perfilada ata culminar no cabelo alborotado. O corpo intúese no traxe debuxado. Precisamente é a ausencia de outros cromatismos e a pura concentración compositiva a que conduce o artista a traballar as texturas para conseguir un efecto volumétrico. Non pretende conseguir superficies pulidas nin un alto grado de detallismo. As marcas da mina recollen con rapidez o máis inmediato, o que desprende de forma natural o retratado. Así aparecen trazos fortes (o cabelo) e difuminados (como nas meixelas). Laxeiro completou a obra escribindo as seguintes verbas o pé: “Con todo o cariño a Vicente Risco, Laxeiro”.

Era, por tanto, Vicente Risco un tema que encaixase con Laxeiro? Tiña peso algún na súa estética? Tendo en conta a traxectoria do que fora considerado na prensa en 1919 “o pensador galego mais orixinal” a resposta aparece de forma tanxible nas respostas que Laxeiro dera nunha enquisa de 1951. “¿Aspira Ud. a darle a su obra, además del acento personal, algún carácter sustancialmente gallego?” “Non. Cando pinto fagoo sin deliberacións, espontáneamente”. Ante isto preguntóuselle “¿En qué elementos reside esta significación?” ao que respondeu “Na misma Galicia, e no que eu son”.

Noutra orde de preguntas, apareceron as seguintes contestacións:

-El clima, el paisaje y su luz, sus gentes ¿deciden profundamente la personalidad del artista?

-Si; e todo xunto proporcionan o que un pinta.

-¿Que causas cree Ud. que determinaron la falta de desarrollo pictórico en Galicia –idiosincracia, paisaje, penuria económica, etc.?

-A falla de cultura.

-¿Es incompatible la universalidad de una obra artística con su filiación a un país y a una época determinada?

-Non. Todo o contrario.

-¿Cree Ud. que la influencia de Picasso es fecunda o nefasta para el arte contemporáneo?

-A mais fecunda; penso que é o pintor mais grande que tivo o mundo.

-¿Se considera Ud. imaginativo o realista?

-Imaxinativo. Trato de facer a miña realidade.

-¿Valora Ud. más el predominio mental o el predominio instintivo en la realización del arte?

-Instintivo.

En vista do afirmativo que é que Risco fora un tema para Laxeiro, cabe preguntar a inversa. Era Laxeiro un artista que puidese comprender o valor de Risco en tódalas súas dimensións? Este retrato leva a resposta en si mesmo. Se o artista foi quen de ser tan exacto , foi debido a que coñecía a Risco desde había moito tempo. A relación entre ambos xurdira, precisamente, nos anos 20. Hoxe aínda se conservan na Fundación Risco en Allariz estudos, esbozos e fotografías adicadas que Laxeiro deu a Risco e que conservou con grande orgullo. Non era so o feito de que o chamado “O noso filósofo” fora a chave da introdución das vangardas na arte galega. Non era so que fora a figura que coa súa teoría da Arte deu a clave dunha estética galega atlantista, xenuína.

Tamén Risco fora a personalidade coa cal a arte galega se abriu a temas artísticos inéditos ata entón. A representación artística do transcendental na cultura popular non tería tido a luz de non ser porque, sendo un grande etnógrafo, pescudou, documentou, rexistrou e levou a cabo publicacións centradas na antropoloxía galega. Foi así como moitos artistas que o coñecían, sentíronse inspirados por el para plasmar paisaxes que son Historia ou figuras que son valores. Cómo se non podería ter feito Laxeiro unha obra como Carnavalada (1931) ou Trasmundo (1946)? De tal xeito este retrato de Vicente Risco, por Laxeiro, condensa en si mesmo unha parte fundamental da nova arte galega.

No centro: Trasmundo. 1946. Laxeiro. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 138,5 x 178 cm.  Da colección Fundación Laxeiro, Vigo. Museo Reina Sofía, Madrid.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...