fbpx
Vista xeral do campamento romano de Aquis Querquennis / Karlos Conde-Panoramio

60.000 euros para novas escavacións no campamento romano de Aquae Querquennis

Tempo de lectura: < 1 min.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, avanzou que o ente dará unha nova achega no marco da colaboración coa Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova para o estudo do legado romano na Baixa Limia. Concretamente, o goberno provincial habilitou unha axuda de 60.000 euros, dos que máis do 60 por cento irán destinados a escavacións do complexo militar Aquis Querquenneis e o resto para cofinanciar o funcionamento da fundación, de cuxo padroado forma parte a propia deputación.

Así llo trasladou ao presidente da fundación, o profesor de historia antiga e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, na que lle comunicou unha colaboración para continuar coas escavacións no campamento militar situado en Bande. Durante a reunión de traballo, tamén revisaron outras liñas de actuación e cooperación, entre elas, a publicación que prepara o arqueólogo sobre o conxunto de San Pedro de Rocas, que en setembro de 2023 celebrará o centenario da súa declaración como monumento nacional.

“Merece (Colmenero) o maior respecto como autoridade científica en relación coa nosa historia, polo que para nós é unha cuestión prioritaria seguir apoiando as súas investigacións”, manifestou Baltar. Pola súa banda, o profesor agradeceu a “colaboración xenerosa” coa que “aos poucos” se está convertendo Aquis Querquennis nun lugar de referencia “non só para intelectuais, senón tamén para turistas”.

Pode que che interese...