fbpx
Soldados durante a I Guerra Mundial

Así foi o plan dos aliados para converter Galicia en Normandía para derrotar a Franco

Tempo de lectura: 3 min.

A relación de España na II Guerra Mundial cos aliados é ambigua, nomeadamente co Reino Unido. España declarou ser non belixerante, mais isto non implica ser neutral, polo que España traballaba dende a non belixerancia co Eixe. Pola súa contra, Reino Unido atópase totalmente illado, como explica o historiador do grupo de investigación HISPONA Emilio Grandío. A posición de España era perigosa e os aliados tiñan un plan para a súa invasión.

Todos os informes que tiña o Reino Unido, grazas tanto á Foreign Office como a outras entidades, dicían que España era un país claramente a favor do Eixe. “Un país fascista, dino con todas as palabras“, afirma Grandío. Os alemáns estaban por todos os lados, as redes existían. O propio modelo de actuar do réxime era claramente fascista.

A España só lle faltaba colocarse militarmente ao lado do Eixe. Reino Unido está a recibir bombardeos diarios e Churchill estaba no seu momento máis álxido. O país anglosaxón nomea a un embaixador para que España non se posicione militarmente.

FRANCO FÓRA DO PODER

O rumbo da guerra cambia a partir dos anos 41 e 42. Tómase primeiro o norte de África, refórzase Xibraltar e Italia é tomada no 1943. “O caso é que nesa situación xusto despois da toma de Italia, o seguinte paso dos aliados propiciado fundamentalmente polos EEUU é que Franco se vaia do poder“, explica o historiador.

Pero non necesariamente que se cambie a ditadura, senón quitar a Franco do poder. O propósito prioritario sería o restablecemento de Don Juan, mais había sectores monárquicos no 43 que non aceptan do mesmo grao a súa cehgada. A cousa era sacar a Franco que era unha personaxe bastante incómoda pola súa relación co eixe. De feito, Franco non abandona as súas preferencias polo Eixe ata o ano 44.

Comezan os rumores dun Golpe de Estado militar. Os británicos levaban pagando a través da banca March aos compañeiros de armas de Franco dende hai máis dun ano para que nun momento determinado traballen a favor deles. Durante a conferencia de Quévec entre Roosevelt e Churchill, dentro da orde do día sábese que abordou o tema de España. España estaba nos plans aliados.

PRESIÓN POLO ATLÁNTICO

A posición de España era importante polo dominio do Atlántico Norte, que era unha vía moi importante xa que funcionaba como tanto como estrada naval como aérea. Os aliados chegaran a un acordo con Portugal para o control das Azores. Este é un tratado segredo que non se coñece ata meses máis tarde en outubro de 1943.

“Eu estou completamente convencido de que Franco e o Servizo de Información Español o sabían. Con todo iso e coa guerra indo en bo rumbo, o que lles queda é un eslavón que se chama España, que hai que sacar esa ditadura”, di Grandío sobre a posición aliada.

PLAN DE INVASIÓN

No verán do ano 1943 produciuse un desembarco de armamento británico en Lisboa. Nese momento o embaixador británico Samuel Hoare pídelle a Franco, nunha reunión no Pazo de Meirás, que deixe de mandar wolframio aos alemáns e traia de volta á División Azul para colocarse definitivamente ao lado dos aliados. Non obtivo resposta.

Entón, nese agosto e en setembro comezan a difundirse rumores dunha invasión aerotransportada. “Eu tiña coñecemento ata fai ben pouco desa información que daban os británicos que estaba perfectamente estruturada“, comenta Grandío. Evidentemente, nos documentos non poñía proxecto de invasión de España, senón “proxecto de relación angloportuguesa para a defensa de Portugal”. “Cando ti planificas unha invasión sempre se proxecta como unha defensa”, explica o historiador da USC.

Probablemente, segundo explica Emilio Grandío, os aliados entrarían por Lisboa, pero tamén polo norte das provincias de Lugo e A Coruña. “Hai toda unha planificación previa de planos, de información política, orográfica,…”, documenta Grandío que tamén conta con documentación na que se indican as zonas que podían controlar os aliados.

España prevía que podía haber unha invasión aerotransportada en Galicia con paracaidistas e con avións de motor. Despois establecerían contacto coa guerrilla, que tamén fora instruída en parte polos británicos e propiciarían “cabezas de ponte” para poder establecer un desembarco aeronaval polo norte de Galicia. A invasión aliada á España franquista daríase por Galicia e a través do Texo.

Pode que che interese...