fbpx
Mosaico de Panxón con temática mariña / Asociación Mosaico de Panxón

Axuda a “repatriar” un mosaico romano espoliado e vendido ao Metropolitan de Nova York

Tempo de lectura: 2 min.

“Devolver a Panxón o mosaico que nunca debeu saír de alí” é o obxectivo da Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón, que se atopa actualmente no Metropolitan de Nova York. Para iso, piden a colaboración cidadá a través dunha campaña de crowdfunding para acadar os 8.500 euros, que sumados aos 40.000 euros conseguidos a través dun convenio co Concello, conseguirán que a peza regrese a Galicia.

O coñecido como Mosaico de Panxón é unha peza do s. III d.C de gran valor histórico, por ser esta a única do xénero mariño de toda a zona de Vigo. O mosaico foi atopado no Castro, en Panxón, de maneira casual pola familia Puga, no s.XIX. A peza romana foi parte da colección da familia Blanco-Cicerón, da Coruña, pero descoñécese o seu paradoiro despois de que fose vendida nunha puxa. O mosaico atravesou o océano ata chegar á colección de Carlton Hobbs en Nova York, onde foi atopado fai dous anos por un dos socios da Asociación para a Repatriación do Mosaico romano de Panxón.

O doutor Carlos Picón, entón responsable de arte antigo no Metropolitan Museum de Nova York, analizou a peza, confirmando que se trataba do mosaico que anos antes estivera na vila do Val Miñor.

Agora, dende a Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón piden un último esforzo para conseguir o seu obxectivo: traer a Panxón o mosaico. “É imprescindible asinar canto antes o convenio co concello, que xa aprobou a subvención de 40.000 euros, e conseguir os 8.500 restantes”, explica a presidenta da Asociación, Pilar Pérez.

A través dun contrato coa galería Carlton Hobbs, a Asociación conseguiu que a compra do mosaico fose de 58.000 euros, “no canto de por os 75.000 orixinais”. “Agradecemos enormemente a Carlton Hobbs o desconto realizado no prezo de venta e a súa constante colaboración para facilitar a operación de repatriación”, indica a Asociación dende a súa páxina web. Para a axuda, abriron unha conta de Bizum na páxina da entidade, onde tamén poñen á disposición da cidadanía unha conta bancaria para o mesmo fin. Lembran, ademais, que o prazo para acadar a cifra establecida remata en outubro, polo que “ou conseguimos todo o diñeiro antes ou a operación fracasa”, como indicou Pilar Pérez. Ademias, por cada euro doado, as persoas colaboradoras poderán entrar no sorteo dunha viaxe a Nova York. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...