Continúan os actos vandálicos contra os petróglifos, “ignorancia” ou “mala fé”?
Motivos circulares e xeométricos, así como representacións de zoomorfos cérvidos son algunhas das figuras que compoñen o petróglifo da Gurita, que sufriu danos como consecuencia dun acto vandálico. Nas últimas semanas, cinco cervos e a figura dun sol apareceron raiadas, un dano posiblemente realizado cun pau.
O petróglifo, que se atopa na parroquia Baroña, en Porto do Son, presenta raiadas nos sucos dos gravados, polo que se especula que o motivo do acto vandálico fose dar maior visibilidade ás figuras. Dende a Comunidade de Montes de Baroña, quen denunciou o ocorrido, sinalan que o autor o fixese “por ignorancia”, para resaltar a figura e que fose máis visible.
Con todo, os danos que sufriu o petróglifo son leves, como contrastou a análise levada a cabo pola Dirección Xeral de Patrimonio. Dende a Comunidade de Montes de Baroña engade que os “danos poderían ser irreparables”, de faceren as marcas con pedra ou outro obxecto diferente.
Ante o ocorrido, dende a Comunidade de Montes de Baroña piden un maior coidado do patrimonio por parte de toda a cidadanía. “Levamos anos traballando con diferentes colectivos para dar a coñecer o noso patrimonio e buscando formas para contemplando e conservalo sen facerlle dano”, explican. Ademais, piden unha maior sinalización do petróglifo, o que axudaría á comprensión e protección do lugar. Máis información en Praza.